Friday 22 de November de 2024

José Luis Martínez Sanjurjo reclama “maior lealdade institucional” aos socialistas de Ordes


Ante as informacións verquidas sobre “a xestión realizada co presidente da Deputación para a cesión de estradas” lémbralles que esa competencia é exclusiva do Goberno Local

“A xestión da actividade municipal do Concello de Ordes é unha función que corresponde unicamente ao Goberno Local. Ningún grupo político ten potestade para tomar decisións ou levar a cabo trámites cuxa competencia é exclusiva da Alcaldía de Ordes, tal e como establece a lei”. Son palabras de José Luis Martínez Sanjurjo, rexedor ordense, a colación da información publicada en diversos medios “da xestión cos socialistas de Ordes están a realizar co presidente da Deputación da Coruña, Valentín Gozález Formoso, para a cesión ao Concello de varios tramos de estradas provinciais con carácter urbano”. O xeito de proceder é considerado no só “inapropiado” por parte do Goberno de Ordes, senón tamén de “totalitario ao saltar por riba dos representantes que, mediante sufraxio e libremente, elixiu a cidadanía”.

Ante este tipo de actuacións Martínez Sanjurjo solicita “maior rigor e lealdade institucional, tanto para o propio Concello como para o resto dos compoñentes que conforman a corporación municipal”. O alcalde recórdalle a Verónica Gómez, única concelleira socialista que nesta lexislatura ten representación no salón de plenos, que a dinámica estipulada pola lei establece que as propostas deben ser prensentadas en pleno a través de mocións para coñecemento de todas as forzas políticas e da cidadanía. Tras isto establécese o pertinente debate antes de proceder coa votación. Segundo o resultado acadado pola corporación será responsabilidade do executivo local a súa posta en coñecemento e tramitación, se corresponde, ante os organismos competentes ou demais institucións ou representantes.

A crítica dos membros do Goberno ordense vai máis aló do marco estritamente local, xa que consideran que “non se está a ter ningún reparo á hora de manipular e utilizar a figura do presidente da Deputación da Coruña, con fins partidistas e personalistas”.