Friday 22 de May de 2026

San Sadurniño acolle unha xornada para impulsar a comercialización de experiencias turísticas do Xeoparque Cabo Ortegal


A Casa da Cultura de San Sadurniño é este xoves punto de encontro para profesionais do sector turístico, empresas do territorio e axencias de viaxes, coa celebración da xornada sobre comercialización de experiencias turísticas do Xeoparque Cabo Ortegal. O encontro, encadrado no Plan de Sostenibilidade Turística en Destino, desenvolverase durante todo o día cun amplo programa de presentacións, reunións profesionais e visitas ao territorio co que se pretende fortalecer a conexión entre a oferta turística local e as empresas e axentes de comercialización de experiencias de natureza, ecoturismo e cultura. A iniciativa pretende tamén favorecer a creación de produtos integrados e reforzar o posicionamento do Xeoparque como destino sostible e experiencial. A sesión arrancou no centro municipal de San Sadurniño cunha benvida institucional na que participou o alcalde, Secundino García Casal, a rexedora de Moeche, Beatriz Bascoy Maceiras, e a deputada provincial Cristina García Rey.

Secundino García Casal destacou no seu discurso de apertura que o encontro “vai máis alá dunha simple xornada técnica” e que o xeoparque é un exemplo da capacidade de colaboración entre concellos e entidades arredor dun obxectivo común: “poñer en valor o noso patrimonio e construír un futuro sostible para a nosa comarca”. O rexedor tamén puxo o acento na importancia de cooperación e coordinación entre administracións “con distintas sensibilidades e cores políticas”, empresas e profesionais para avanzar cara a un modelo turístico “integrado, auténtico e competitivo”.

Durante a súa intervención, García Casal salientou tamén que o territorio do Xeoparque Cabo Ortegal destaca non só pola súa riqueza xeolóxica e paisaxística, senón tamén polo patrimonio cultural, pola calidade dos produtos locais e polas persoas que traballan día a día para dinamizar a comarca. Neste sentido, incidiu en que a diversidade do territorio representa “unha oportunidade”, aínda que require “diálogo e visión compartida” para converterse nun motor de desenvolvemento sostible.

A xornada de traballo estrutúrase en varias fases ao longo de todo o día. Trala recepción das persoas asistentes e a benvida institucional, están programadas distintas presentacións centradas na plataforma de reservas IUrban, no dossier de experiencias do Xeoparque e no propio encontro de comercialización. Un dos eixos principais da programación serán as xuntanzas B2B entre empresas do territorio e axencias de viaxes, deseñadas para favorecer contactos directos e reunións rápidas entre oferta e demanda turística.

No espazo de networking participan 18 empresas vinculadas ao Xeoparque Cabo Ortegal e distintas axencias especializadas en turismo de natureza, ecoturismo, turismo activo e experiencias culturais. O formato baséase en reunións de oito minutos con rotacións continuas entre mesas, permitindo maximizar os contactos profesionais e facilitar a creación de paquetes e experiencias comercializables asociadas ao territorio.

Xa pola tarde, varias axencias de viaxes participan nun percorrido no que se visitarán empresas e iniciativas do territorio para coñecer de primeira man parte da oferta experiencial vinculada ao Xeoparque. O itinerario inclúe visitas a As Lolas da Cascarilla, en San Sadurniño, á Casa do Morcego, en Valdoviño, e á iniciativa Eu Fun de Vivo, promovida polo cedeirés Sergio Muíño. A xornada rematará cunha ruta entre Valdoviño e Cedeira organizada organizada por Disfrutas Ortegal.

No peche do seu discurso inaugural, Secundino García Casal animou ás persoas participantes “a compartir, a escoitar e a construír”, lembrando que “o verdadeiro valor do Xeoparque non está só nos seus recursos naturais ou culturais, senón na capacidade das persoas e das entidades para colaborar e crear proxectos comúns”.

 

Deja un comentario