Thursday 21 de May de 2026

Ale de Paz conquista por quinta vez o título de “Mellor deportista do Concello de Neda”


O A xogadora de fútbol sala Ale de Paz volve proclamarse “mellor deportista de Neda” durante a XXIV Gala do Deporte da localidade, na que tamén se destacou o traballo das promesas Iago Suárez e Emma Domínguez. Os galardóns dábanse a coñecer esta tarde durante o transcurso dunha cerimonia pública, que contou como madriña nada menos que coa atleta internacional Esther Pedrosa.
A Casa da Cultura de Neda acollía, un ano máis, esta cita que, como subliñou o alcalde, Ángel Alvariño, busca recoñecer o esforzo e a perseveranza dos deportistas locais – “os mellores embaixadores que ten Neda”, aseguraba- e poñer en valor os seus logros durante a tempada 2024-2025.
E así, o xurado elixía este ano como “mellor deportista” á futbolista Ale de Paz González, que milita actualmente nas filas do Poio Pescamar e que, como integrante da Selección española, conseguiu o pasado ano a medalla de bronce no Mundial de Filipinas. Ademais, co seu actual equipo xogaba as semifinais da Copa de la Reina. Os compromisos deportivos impediron a Ale de Paz recoller en persoa o trofeo, acudindo a recibir o galardón o seu pai.
Promesas
No caso dos menores de idade, o título de mellor promesa feminina foi por quinta edición consecutiva para Emma Domínguez Puentes, do CBD UPA, quen co grupo Sweet UPA obtivo unha terceira e unha cuarta posición no campionato de España, foi sexta no campionato do Mundo e cuarta no campionato europeo. Pola súa banda, Iago Suárez Meitín, do Club Atletismo Narón, foi terceiro en marcha en pista e cuarto en marcha ruta no Campionato galego.
Máis recoñecementos
A lista de distinguidos polos seus méritos deportivos incluíu ademais a Eloy B. Villanueva, en triatlón; Néstor Fernández Faraldo e Claudia Freire Mouriz, en tenis; Naomi Díaz Seoane, en judo; Luca Rey Lourido, en karate; Antón Montero Rodríguez, en hockey; Adrián Rivadulla Alonso, Lucía Rivadulla Alonso, Antía Suárez Meitín, Itziar Fernández Rivas e Jonathan Fernández Ríos, en atletismo; Miguel Peña Vázquez e Iván Picallo Cabalo, en automobilismo; Minh Pita Tenreiro, en karting; Inés Santalla Castelo, en ciclismo; Noa Pico Pérez, en sincronizada; Arantza Rivas Tenreiro, Tania López Sanmartín e Nerea López Sanmartín, en natación; Antonio Rodríguez Pena, Hugo Suena Freire, Yago Alvariño Díaz, Pablo Rozados Uceira e Iago Rozados Uceira, en fútbol; Ángel Souto de Carvalho, fútbol sala, e ao bboy David Amor, mellor deportista do pasado ano, en breaking.
Ademais, outorgáronse mencións especiais á SCD Roxal polo seu 50 aniversario e ao seu equipo de fútbol sala; ao Rápido de Neda polo traballo a prol do fútbol base; á Garda civil de Tráfico de Ferrol “polo seu encomiable labor no control do tráfico e a seguridade viaria” no Memorial Adolfo Ros, e á Agrupación de voluntarios de Protección Civil pola súa colaboración en eventos deportivos locais.
O rexedor municipal e a concelleira de Deportes, Ángeles Puentes, felicitaban ao conxunto de deportistas galardoados, animándoos a seguir traballando como ata agora. Ademais, agradecían a participación como madriña da plusmarquista e múltiple campioa mundial Esther Pedrosa, á que puxeron como exemplo inspirador. Unha deportista con máis de catro décadas de traxectoria e que, con 65 anos cumpridos este martes, lonxe de pensar en colgas as zapatillas, segue sumando títulos.

Deja un comentario