Thursday 21 de May de 2026

A Startup Europe Week 2026 chega ao Coworking Miño cunha xornada sobre financiamento e intelixencia artificial para pequenos negocios


Casa do Pescador acollerá o próximo luns 25 de maio de 2026, entre as 17:00 e as 19:00 horas, unha nova xornada no marco da Startup Europe Week 2026, centrada no financiamento, as axudas públicas e o uso práctico da intelixencia artificial en pequenos negocios, proxectos emprendedores e actividades profesionais.

Baixo o título “O que ninguén che contou: financiamento e intelixencia artificial para o teu negocio”, a actividade busca achegar ferramentas útiles e accesibles a persoas autónomas, comercios locais, profesionais, pequenas empresas e persoas con proxectos en marcha ou con interese en emprender.

Financiamento, axudas e recursos para emprender A sesión comezará ás 17:00 horas coa benvida institucional por parte do Concello de Miño, que presentará brevemente os recursos e apoios dispoñibles para o tecido económico local.

A continuación, terá lugar unha rolda de presentacións das persoas asistentes, co obxectivo de favorecer a conexión entre profesionais, negocios e proxectos do territorio.

O primeiro bloque temático, titulado “Diñeiro que existe e pouca xente coñece”, será impartido por David López Bao, técnico con ampla experiencia na xestión e solicitude de subvencións públicas e no apoio a persoas emprendedoras. A intervención ofrecerá unha visión práctica das axudas, subvencións e recursos dispoñibles para autónomos/as, comercios e pequenos negocios a nivel local, autonómico e estatal.

Intelixencia artificial aplicada ao día a día dos pequenos negocios

Tras unha pausa café orientada ao networking e á conversa entre asistentes, a xornada continuará co bloque “A IA tamén é para o teu negocio”, impartido por Juan Diego Pereiro, profesional con máis de 13 anos de experiencia na xestión de espazos de coworking e dinamización de ecosistemas emprendedores.

Esta segunda parte estará centrada en explicar que é a intelixencia artificial, por onde empezar e que ferramentas prácticas poden empregar pequenos negocios, persoas autónomas e profesionais para mellorar a súa produtividade, comunicación, organización ou procesos diarios, sen necesidade de coñecementos técnicos previos.

Un espazo para conectar territorio, innovación e emprendemento

A xornada conta coa colaboración do Concello de Miño, que participará na apertura institucional e na difusión local, e do GALP, como entidade colaboradora na difusión e conexión coa súa rede de persoas asociadas e empresas do territorio.

O encontro busca crear un espazo próximo, práctico e útil para que o tecido económico local poida coñecer mellor as oportunidades de financiamento existentes, descubrir novas ferramentas dixitais e conectar con outras persoas emprendedoras, profesionais e entidades da contorna.

A actividade celebrarase no Coworking Miño – Casa do Pescador, espazo integrado na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo da Deputación da Coruña, que ofrece apoiogratuíto a persoas emprendedoras, novos proxectos e empresas en fase inicial.

A asistencia é gratuíta, con aforo limitado e inscrición previa. Inscricións: https://redecoworking.pel.gal/evento/sew-2026-financiamento-e-intelixencia-artificial-para-o-teu-negocio/

Deja un comentario