Wednesday 20 de May de 2026

O Concello publica as listaxes provisionais de admisión nos seus programas de conciliación para este verán


A rapazada compostelá gozará das actividades lúdicas de Compostela Concilia, Vacaludos e os Obradoiros das Escolas Infantís Municipais durante as vacacións de verán, nunha iniciativa do Departamento de Educación para facilitar a conciliación das familias compostelás.

O Concello de Santiago publica este mércores as listaxes provisionais de admisión e de agarda dos programas de conciliación Compostela Concilia, Vacaludos e Obradoiros das Escolas Infantís Municipais para as quendas de verán, nos que participarán nenas e nenos a partir dos 3 anos e ata os 12.

Unha vez publicadas as listaxes, as familias poden confirmar praza desde mañá xoves 21 ata o mércores 27 de maio.

A través destas tres propostas, a Concellería de Educación, que dirixe Míriam Louzao, busca axudar ás familias a conciliar a vida familiar, laboral e persoal, ofrecendo ás nenas e nenos unha alternativa de lecer de calidade.

O programa Compostela Concilia desenvólvese en dous colexios de educación infantil e primaria (CEIP) e intercala actividades lúdicas, artísticas, deportivas, xogos e obradoiros dirixidas a nenos e nenas de 3 a 12 anos. Ofrécense seis quendas que van dende o 22 de xuño ao 7 de setembro, con 195 prazas por quenda agás nas de agosto, que son 90. Ademais, resérvase un 3% adicional de prazas para nenos e nenas con necesidades específicas de apoio.

Vacaludos tamén ofrece seis quendas para rapazada de 3 a 12 anos, neste caso con actividades de balde no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes (Ludoteca das Fontiñas). Dispón dun total de 73 prazas e oferta 20 prazas de 2 a 3 anos, 30 prazas de 4 a 6 e 23 prazas de 7 a 12 anos, en cada quenda.

Os Obradoiros das EIM son para nenas e nenos de 3 a 8 anos e teñen lugar nas escolas infantís municipais (Conxo, Fontiñas e Meixonfrío- Salgueiriños) en xullo e agosto. Están publicadas tamén as listaxes para os Obradoiros das EIM do curso 2026/2027.

Para todos estes programas é requisito ter padrón no Concello de Santiago ou ben cursar estudos en centros de educación infantil e primaria desta cidade.

Deja un comentario