A programación das Letras Galegas en San Sadurniño encara a súa recta final esta semana con dúas propostas culturais enfiadas pola oralidade. E é que este venres, a Casa da Cultura acollerá o contacontos infantil “As letras que voan con nome de muller”, de Trémola Teatro, mentres que o domingo poderemos asistir no Local social do Chao de Lamas a unha nova e intensa aventura de Nabiza Girl, a coñecida superheroína galega interpretada por Isabel Risco que loita para asegurar a pervivencia da nosa lingua e a nosa cultura. Ambas actividades son con entrada de balde e non fai falla inscrición previa.
O primeiro dos eventos programados será “As letras que voan con nome de muller”, un espectáculo de narración oral producido por Trémola Teatro que se desenvolverá o venres 22 de maio ás 19:00 horas na Casa da Cultura. A actividade, cunha duración aproximada de 45 minutos, está recomendada para nenas e nenos a partir dos catro anos e busca achegarlles ás crianzas o valor da literatura galega e o papel das mulleres na nosa cultura.
A proposta convida o público a descubrir Galicia como unha terra de libros, historias e creadoras, tomando como referencia a figura de Begoña Caamaño -homenaxeada este ano polo 17 de maio- e a doutras mulleres ás que se lles teñen dedicado as Letras Galegas antes que a ela. A través de contos e relatos cheos de sensibilidade, o espectáculo transmite a idea de que as palabras son ferramentas capaces de abrir portas e transformar o mundo.
“As letras que voan con nome de muller” forma parte do catálogo escénico de Ler Conta Moito, facilitado pola Xunta de Galicia aos concellos para reforzaren as súas políticas de animación á lectura.
A programación continuará o domingo 24 de maio coa representación de “As aventuras de Nabiza Girl: O estraño caso da Cultura Minguante”, unha comedia teatral para público adulto que dará comezo ás 20:00 horas no Local Social de Lamas. O espectáculo está protagonizado por Isabel Risco e Alberte Bello, baixo a dirección de Fran Rei, e terá unha duración aproximada de 70 minutos.
Nesta nova entrega, Isabel Risco volve meterse na pel da súa personaxe máis popular e querida: Nabiza Girl, a superheroína galega que regresa para combater as ameazas que poñen en perigo a cultura, a lingua e o territorio. Acompañada polo seu inseparable Don Galizo, a protagonista deberá superar unha chea de situacións absurdas e disparatadas nunha aventura cargada de humor e crítica social.
A obra combina comedia, feminismo e defensa do galego nun espectáculo onde seguramente non faltarán referencias á realidade do país nin momentos de participación do público. A actuación chega a San Sadurniño da man da Rede Cultural da Deputación da Coruña.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.