Ademais, a Xunta de Goberno Local deulles luz verde a dúas novas actuacións do Plan de barrios: a restauración da praza das Bárbaras, na Cidade Vella, e a demolición do antigo mercado de Palavea
Luz verde á Oferta Pública de Emprego (OPE) do Concello de cara a este ano, que recolle un total de 87 prazas co obxectivo de reforzar o cadro de persoal municipal nos diversos servizos existentes e, ademais, cubrir postos liberados polas xubilacións, por exemplo.
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Executivo municipal, José Manuel Lage, informou esta mañá da aprobación da OPE na Xunta de Goberno Local, “unha medida clave para seguir modernizando os servizos municipais e adaptándoos ás necesidades actuais e de futuro da nosa cidadanía”.
Das 87 prazas previstas, a meirande parte serán de acceso libre. É dicir, case medio cento.
Outras 33 corresponden á quenda de promoción interna e, ademais, figuran cinco postos da categoría de policía local que se cubrirán pola quenda de mobilidade.
Lage detallou que esta OPE establece ata 18 prazas de técnico/a de Administración xeral, case unha quinta parte do total. Ademais, entre a quenda libre, de promoción interna e a de mobilidade tamén se computan ata 22 prazas correspondentes á Policía Local, todas elas para diversos cargos dentro do Corpo, como intendente, inspector/a e oficiais/oficialas, entre outros. Tamén se ofertarán sete prazas de administrativo/a, ao abeiro da quenda de promoción interna.
Ademais, a OPE inclúe outras cinco prazas para reforzar o servizo municipal de Bombeiros (quenda libre) e catro de arquitecto/a superior.
Haberá catro prazas reservadas para persoas con discapacidade: dúas de quenda libre e outras dúas correspondentes á quenda de promoción interna.
O Concello restaurará o pavimento histórico da praza das Bárbaras
Por outra banda, o Concello avanza para lle dar un novo pulo á primeira fase do Plan de barrios 2025-27, que proximamente sumará unha nova actuación de mellora na Cidade Vella. Hoxe, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras de restauración da praza de Santa Bárbara, unha intervención que conta con financiación estatal e que permitirá recuperar o lustre dun dos principais núcleos históricos da zona vella.
Os traballos contan cun investimento de 287.000 euros e inclúen un amplo abano de medidas para rehabilitar e conservar o conxunto da praza, “sempre baixo unha premisa clara: respectar e salvagardar o patrimonio deste enclave”, indicou Lage.
A previsión dos servizos municipais e levar a cabo a recuperación do pavimento histórico da praza acometendo a súa limpeza xeral e corrixindo deficiencias existentes nas lousas e cantos rodados; adaptar os alcorques do arboredo protexido á configuración do pavimento; recuperar a oitava árbore que existía no pasado na praza, coa plantación dun castiñeiro de Indias; executar melloras xerais na rede de saneamento; e soterrar as canalizacións eléctricas da iluminación pública, instalacións eléctricas aéreas e redes de telecomunicacións.
A partir da súa adxudicación, as obras executaranse nun prazo de cinco meses.
A demolición do mercado abrirá camiño á nova biblioteca de Palavea
Tamén ao abeiro do Plan de barrios, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a adxudicación dos traballos de demolición do antigo mercado municipal de Palavea, que executará a empresa Demoliciones Coruña.
Esta medida supón, na práctica, a primeira fase que precede a construción da aula de Informática e a biblioteca municipal do barrio, “un novo equipamento sociocultural concibido para revitalizar Palavea e darlles resposta ás demandas e necesidades da veciñanza”.
Esta nova instalación executarase nunha segunda fase, para a cal o Concello ten previsto investir case un millón de euros. Neste sentido, o Pleno municipal aprobou, en marzo deste ano, o estudo de detalle da nova biblioteca, un paso clave para que a súa creación sexa unha realidade a medio prazo.
2 millóns anuais para a conservación da rede municipal de saneamento
Noutra orde de asuntos, esta mañá aprobouse a saída a concurso dun dos contratos máis importantes en materia de infraestruturas municipais: o servizo de mantemento da rede de saneamento.
“Desde o pasado mandato, o Goberno de Inés Rey está impulsando un plan de mellora das canalizacións de saneamento en todos os distritos da cidade, renovando os materiais das tubaxes para facer que a rede sexa máis moderna e máis segura fronte a fugas de augas, tamén dotando de rede separativa a rúas e núcleos residenciais da cidade que ata agora non a tiñan. Hoxe, iniciamos o proceso de licitación do contrato necesario para a conservación destas infraestruturas”, indicou Lage.
O Concello destinará case 4 millóns de euros a esta finalidade nos vindeiros dous anos. O contrato será susceptible de ampliación por outras tres anualidades.
Novos avances de cara á rehabilitación da bágoa de San Roque
O voceiro do Goberno municipal tamén informou de que o Concello está a avanzar nos pasos necesarios para rehabilitar o conxunto da Bágoa de San Roque. Hoxe, a Xunta de Goberno Local autorizou a recuperación de dous locais que, en base aos informes municipais, tiñan a concesión vencida.
Lage Tuñas explicou que o obxectivo do executivo local é dar unha nova imaxe á Bágoa e crear novos equipamentos públicos en Monte Alto e a súa contorna. Segundo avanzou o edil, o proxecto desta futura dotación estará aprobado antes de que remate o verán e está previsto que se licite antes de que conclúa o ano.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.