— Lembra que o Goberno galego está a investir 24 M€ en actuacións de modernización e mellora dos colexios e institutos da cidade ao abeiro do Plan de nova arquitectura
— Neste momento están en marcha tres grandes actuacións por importe de 3,4 M€, no CIFP Ánxel Casal–Monte Alto, no IES Ramón Menéndez Pidal e no Colexio Sal Lence
— As actuacións inauguradas hoxe supuxeron o cambio de cuberta, fiestras e portas e reparación de fachadas do instituto, así como a cubrición da pista exterior
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, inaugurou hoxe as obras realizadas no Instituto Salvador de Madariaga, na cidade herculina, que contaron cun investimento da Xunta de máis de 2,1 M€. As actuacións consistiron na renovación de cubertas, substitución de fiestras e portas e reparación de fachadas, así como na cubrición da pista exterior.
O titular do departamento educativo da Xunta destacou que estas obras son un claro exemplo do compromiso do Goberno galego coa mellora das instalacións educativas da Coruña. Neste sentido, lembrou que, ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica, o Goberno galego está a investir 24 M€ nun cento de obras de modernización e reforma nun 40 centros de ensino da cidade herculina.
“Neste momento temos en marcha tres grandes actuacións por importe de máis de 3,6 M€, como son a rehabilitación integral do Centro Integrado de FP Ánxel Casal–Monte Alto (2,5 M€), e os cambios de cuberta do Instituto Ramón Menéndez Pidal (941.000€) e do Colexio Sal Lence (en licitación, 234.000 €)”, incidiu.
Entre as actuacións rematadas máis recentemente, cun investimento total de 4,4 M€, destacan as hoxe inauguradas no IES Salvador de Madariaga, a rehabilitación integral do IES Plurilingüe Rafael Dieste (1,7 M€) e as melloras no IES Ramón Otero Pedrayo (530.000€). Ademais, estanse a preparar proxectos para outras nove intervencións cun orzamento de case 8,5 M€, con prioridade para a ampliación do IES Agra do Orzán.
Maior confort no día a día
Román Rodríguez salientou a importancia das obras realizadas para mellorar o confort da comunidade educativa do IES Salvador de Madariaga no seu día a día. Non en balde, renováronse 1750m² de cuberta, así como os canlóns e baixantes, ademais de 255 fiestras e catro portas de madeira. A maiores, realizáronse tarefas de reparación, limpeza, impermeabilización e pintado das fachadas e o seu pintado completo.
No que atinxe á pista exterior, colocouse unha cuberta de 685m² e altura libre de sete metros, sostida sobre unha estrutura portante de madeira laminada e cuberta de paneis sandwich e chapa branca microperforada. Ademais, instalouse un sistema de iluminación artificial, así como equipamento deportivo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.