Wednesday 20 de May de 2026

O centro social polivalente acollerá do 22 ao 31 de maio a III Mostra de Teatro EM-Brión


Organizada polo grupo Teatro das Maniotas, do IES de Brión, en colaboración co Concello de Brión

O centro social polivalente de Brión acollerá do 22 ao 31 de maio unha nova edición da Mostra de Teatro EM-Brión, organizada por Teatro das Maniotas, o grupo teatral conformado por alumnado do IES de Brión, e que conta coa colaboración do Concello brionés. Unha mostra de teatro amador que chega este ano á súa terceira edición e que reunirá a sete compañías teatrais, na que a súa maioría proceden de institutos e escolas de Cee, O Porriño, Vedra, Outes, Santiago e Brión.

Seis das sete funcións serán abertas ao público, que poderá acceder de forma totalmente libre e de balde no centro social polivalente de Brión ata completar aforo. Todas as actuacións terán comezo ás 20:00 horas, comezando este venres 22 de maio con “Pezas teatrais”, do IES Ribeira do Louro (O Porriño). O sábado 23 de maio será a quenda de Papaventós (Vedra), con “Ata que soe o timbre”.

Para a seguinte semana queda a actuación do grupo local, Teatro das Maniotas, que porá en escena “Sobremesa” o venres 29 de maio, ás 20:00 horas. O sábado 30 será a quenda de Teatro Terra de Outes, coa peza “A praia do demo”. O peche da III Mostra EM-Brión incluirá un programa dobre a cargo de compañías compostelás: “Deuses contra titáns”, da Escola de Teatro Pábulo, e “Romeo e Xulieta”, adaptación da Aula de Teatro do Centro Social de Conxo.

A única actuación non aberta ao público será “Magnetismo”, de Tuéjele Teatrdo (IES Fernando Blanco de Cee), que terá lugar este venres 22 de maio, ás 11:00 horas, no centro social polivalente pero reservado exclusivamente para o alumnado do IES de Brión.

Deja un comentario