O Plan Xeral de Ordes, aprobado inicialmente o pasado 16 de marzo, permanece en exposición pública nas dependencias municipais. Unha fase de información aberta á cidadanía que forma parte do proceso de consultas e presentación de alegacións que continuará vixente ata o vindeiro 30 de maio. Todas e todos os que queiran consultar o dito plan poden facelo a través da páxina web do Concello www.ordes.gal, onde tamén poden descargar un modelo para formalizar reclamacións.
A día de hoxe son varios centos o número de veciños e veciñas que pasaron polo Departamento de Urbanismo, presentando máis de 95 alegacións en total. En 80 delas solicítase a ampliación de núcleos rurais para poder levar a cabo construcións, mentres que tan só 2 demandan o contrario. Outras 4 aluden ao solo urbano, 1 a solo urbanizable e outras 2 son alegacións ao texto normativo. Por último as 7 restantes baséanse na corrección de erros cartográficos ou similares. Tras o rexistro de todas elas o equipo redactor responderá xustificadamente a cada unha delas e remitirá o dito documento ante a Xunta de Galicia para que a Dirección Xeral de Urbanismo autorice a súa entrada en vigor.
Todas e todos os que queiran realizar algunha consulta ou comprobación poden acudir de 9 a 14 horas ao Departamento de Urbanismo, situado no terceiro andar do Concello. Alí poderán presentar as alegacións pertinentes sobre a clasificación de bens, revisar propiedades rústicas ou urbanas, ou ben iniciar calquera tipo de procedemento para emendar posibles erros.