Wednesday 20 de May de 2026

O Trofeo Concello de Carballo 2026 reunirá este sábado a máis de 150 ciclistas nas categorías de base e cadete


Este sábado volveremos vibrar co mellor ciclismo de base no Trofeo Concello de Carballo 2026, unha cita xa consolidada no calendario do ciclismo galego de base que reunirá a corredores e corredoras das categorías cadete, infantil, alevín, promesas e principiantes.

A proba, organizada polo Club Ciclista Carballo en colaboración co Concello de Carballo e a Federación Galega de Ciclismo, promete un gran espectáculo deportivo. A expectación é máxima: neste momento xa hai 152 ciclistas inscritos, unha cifra que previsiblemente aumentará, xa que o prazo de inscrición pecha oficialmente ás 23:00 horas desta noite.

A Praza do Concello foi o escenario da presentación oficial do trofeo, na que participaron o alcalde de Carballo, Daniel Pérez; o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, e a presidenta do Club Ciclista Carballo, Vanesa Loureiro, que destacaron a importancia da proba tanto desde o punto de vista deportivo como social e de promoción do deporte base.

O alcalde, Daniel Pérez, puxo en valor “o traballo constante do Club Ciclista Carballo para facer medrar unha proba que xa é unha referencia do ciclismo de formación en Galicia” e destacou a capacidade das entidades deportivas do noso concello para organizar eventos deportivos que dinamizan a vila e fomentan hábitos saudables entre a mocidade. “Carballo é unha vila para as persoas, onde o deporte base atopa sempre o mellor escenario posible. Ver as nosas rúas cheas de mozos e mozas practicando deporte e desfrutando do noso entorno é o mellor reflexo do municipio activo e saudable que impulsamos día a día. Estamos encantados de apoiar un ano máis este trofeo”, asegurou.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Daniel Barreiro, sinalou que “o deporte base é unha prioridade para o Concello” e asegurou que este tipo de competicións permiten que nenos e nenas poidan vivir experiencias deportivas de gran nivel nun entorno seguro e cunha excelente organización. “Coordinar unha proba destas características, que combina circuítos urbanos con tramos interurbanos, esixe un esforzo tremendo _apuntou_. Desde Carballo Deporte seguimos apostando firmemente por facilitar que entidades históricas como o Club Ciclista Carballo poidan traer eventos de referencia que poñan a nosa vila no mapa do ciclismo galego”.

A presidenta do Club Ciclista Carballo, Vanesa Loureiro, agradeceu “a implicación do Concello, das familias e do voluntariado” e destacou o enorme esforzo organizativo que require unha proba destas características, e que se ve recompensado coa participación e a implicación dos/as deportistas. “Para o noso club é un orgullo ver o entusiasmo das categorías de base. Deseñamos uns circuítos moi dinámicos e seguros para que tanto os participantes como o público desfruten ao máximo”, manifestou.

O programa da xornada

A acción arrancará o sábado ás 16:00 horas coa saída da proba para os cadetes, que afrontarán un esixente percorrido de 3 voltas que suma un total de 54,28 quilómetros (51,28 km reais máis 3 km neutralizados con saída na Rúa Gran Vía) . O trazado levará aos mozos ciclistas por Carballo, Coristanco, Rus e Artes, incluíndo o paso polo Premio da Montaña na Pifaina. As corredoras femininas cadetes tomarán a saída con 3 minutos de antelación respecto aos mozos e disputarán a súa propia meta (na Avenida da Milagrosa) tras completar unha parte do trazado (30,72 km).

A partir das 17:45 horas será a quenda das Escolas. A actividade comezará cunha vistosa xincana para promesas e principiantes na Praza do Concello. Posteriormente, os circuítos urbanos acollerán as carreiras en liña:
• 18:00 h – Alevíns: 3 voltas ao circuíto grande (5,91 km en total).
• 18:20 h – Infantís: 8 voltas ao circuíto grande (15,76 km en total).
• 19:00 h – Promesas: 1 volta ao circuíto pequeno (0,970 km).
• 19:10 h – Principiantes: 2 voltas ao circuíto pequeno (1,94 km).

O centro neurálxico do evento situarase no mercado municipal, onde estará instalada a oficina permanente, mentres que a liña de saída e meta estará situada na rúa Gran Vía. O broche de ouro porase ás 19:30 horas coa entrega de trofeos aos novos campións e campioas.
Desde a organización convídase a toda a veciñanza e afeccionados ao deporte a achegarse para animar e desfrutar do talento e o esforzo destas novas promesas do ciclismo galego.

Deja un comentario