Wednesday 20 de May de 2026

A mostra do teatro infantil de Ribeira levará sete funcións ás táboas do novo Auditorio municipal


 No mes de xuño abrirase tamén o prazo de renovación da matrícula e novas inscricións na escola municipal de teatro

O Concello de Ribeira pon en marcha a vixésimo sexta edición da mostra de teatro infantil ‘Daniel Gómez Ramil’ que levará ao novo Auditorio municipal un total de sete funcións durante a primeira semana do mes de xuño; na que a rapazada non só é público, senón tamén parte activa das pezas a representar. Así, máis de 130 pequenos dramaturgos subiranse ás táboas para amosar o seu talento interpretativo.

Os grupos de teatro proceden non só de centros de ensino do municipio, senón tamén da comarca e outros lugares da provincia da Coruña. Algunhas destas formacións xa están consolidadas nesta mostra como é o caso do grupo municipal infantil de Ribeira, o do CEIP de Artes, o grupo Alondra de Palmeira, o do colexio Bayón ou os das Anpas de Cadreche e Bandaseca, ámbalas dúas da Pobra do Caramiñal. Doutra banda están as que participan por primeira vez nesta programación como sucede co grupo Noitiña, pertencente á compañía Noite Bohemia, da Coruña.
“Teremos no novo Auditorio municipal unha nova edición da mostra de teatro infantil xa fortemente consolidada no calendario municipal
como un firme compromiso do Concello de Ribeira para potenciar as artes escénicas dende idades temperás, ademais de servir de escaparate do seu talento. Por suposto, non faltará o bo facer local, pero tamén doutros municipios veciños e doutras partes da xeografía galega. Algunhas das funcións a representar son versións e adaptacións de obras xa coñecidas, non obstante, outras son novas creacións escénicas froito da creatividade e orixinalidade dos directores e mesmo do alumnado”, en palabras da concelleira de Cultura, Ana Barreiro.

Pola súa parte, o director do Grupo Infantil Municipal de Ribeira, Óscar Romero, avanzou que a súa peza é unha comedia que versa sobre dous arqueólogos que entran nunha pirámide para descubrir a tumba dunha faraona e atoparán personaxes do actual e do antigo Exipto. Será a “guinda a meses de traballo”, apuntou.

Todas elas terán lugar ás 19.30 horas, con entrada de balde e apertura de portas media hora antes do inicio da sesión. O acto de
clausura da mostra será no sábado, 6 de xuño, coa actuación do grupo infantil municipal de teatro de Ribeira que estreará a súa montaxe. Ao remate, farase entrega dun agasallo institucional a tódolos grupos participantes.

Cartel da mostra

O Grupo Cadrechines da Anpa Cadreche da Pobra do Caramiñal iniciará a mostra no 1 de xuño con Aladdín; para dar paso no día 2 ao Grupo de Teatro do Colexio Bayón con A festa da música, así como ao Grupo de Teatro do CEIP Plurilingüe de Artes con The Last Dance?

No día 3 será a quenda de asistir a Peter Pan da man do Grupo Gargallada da Anpa Bandaseca da Pobra do Caramiñal; mentres que no día 4 o protagonista será o Grupo de Teatro Alondra de Palmeira e A estatua-Os tres curmáns.

Grupo Noitiña da compañía Noite de Bohemia, da Coruña, representará El maravilloso País de los Snergs, no día 5; e o cartel chegará ao seu fin da man do Grupo Infantil Municipal de Ribeira, no día 6, coa súa Aventura en Exipto, a cal irá seguida do acto de clausura da mostra.

Apertura da matrícula da escola municipal de teatro

A rapazada de Ribeira que se iniciara na dramaturxia poderá renovar a súa praza do 1 ao 15 de xuño e, unha vez rematada a súa quenda, abrirase o proceso de novas inscricións, tanto para as vacantes que poidan quedar no grupo infantil como para tentar formar o grupo xuvenil, do 16 de xuño ao 1 de xullo.

Ofertaranse 20 prazas para o grupo infantil (de 7 a 12 anos) e outras 20 prazas para o grupo xuvenil (de 13 a 17 anos).
A contía a pagar por asistir ao curso completo, que comprende de setembro a xuño, establécese nos 127’92 euros, se ben existen as súas correspondentes bonificacións. Deberase cubrir e presentar a documentación que estará dispoñible na páxina web municipal www.ribeira.gal.

Publicarase a listaxe de admisión no 6 de xullo.

Deja un comentario