Wednesday 20 de May de 2026

O PSdeG acusa a Goretti Sanmartín de “vender fume” cos comedores escolares


Marta Abal denuncia que a alcaldesa está “condicionando” a comisión de estudo ao dar por pechada unha decisión que aínda non conta cos informes necesarios nin acredita que a sociedade mercantil sexa a mellor fórmula de xestión.

A concelleira socialista critica que a señora Sanmartín “prometeu unha cousa e agora propón outra completamente distinta”, pasando das cociñas nos centros a unha empresa municipal cunha cociña central que, ao seu xuízo, “na práctica se parece ao modelo actual”.

A concelleira socialista Marta Abal criticou o anuncio realizado polo Goberno da señora Goretti Sanmartín sobre o novo modelo de comedores escolares e acusou á alcaldesa de actuar “sen rigurosidade” ao dar por feito que a creación dunha sociedade mercantil será a fórmula definitiva de xestión.

Abal asegurou que “a señora Sanmartín non pode saír diante dos medios a dicir que a sociedade mercantil é a mellor opción para xestionar os comedores escolares” porque, segundo explicou, na propia comisión de estudo “advertiuse de que faltan informes fundamentais” e de que eses documentos “poderían levar a unha conclusión completamente distinta”.

Abal criticou ademais que a alcaldesa dese “por pechado” o debate publicamente cando a comisión segue analizando a documentación e advertiu de que esa forma de actuar “condiciona” tanto o traballo da propia comisión como a opinión pública.
A edil socialista advertiu de que o informe existente “ten lagoas moi importantes”, xa que non analiza cuestións clave como a evolución da demanda a longo prazo, os cambios demográficos ou o impacto dunha posible subida dos custos da materia prima e da enerxía.
Neste sentido, chamou tamén a atención sobre o feito de que o estudo atribúa “o mesmo custo da materia prima” á xestión directa e indirecta, algo que, ao seu xuízo, “chama poderosamente a atención”.

A concelleira socialista cuestionou ademais o principal argumento do Goberno de Sanmartín para defender o novo modelo e lembrou que os criterios de alimentación saudable e produtos de proximidade “xa se están aplicando no sistema actual” a través do Real Decreto estatal que regula os comedores escolares. “A calidade dos menús pódese e débese garantir tamén con bos pregos, controis e fiscalizacións sen crear unha nova empresa pública municipal”, afirmou.

A socialista insistiu en que o propio Goberno municipal recoñece nos correos enviados aos centros educativos que o sistema actual xa cumpre co Real Decreto estatal sobre alimentación saudable e sostible. Por iso, preguntouse “que nos queren vender?” cun modelo que, ao seu xuízo, “na práctica non cambia o sistema actual”.

Abal acusou tamén ao BNG de ir “renunciando unha por unha ás súas propias promesas”, lembrando que inicialmente defendía cociñas en cada centro educativo e agora aposta por unha empresa municipal cunha cociña central.
“Prometeron unha cousa e agora propoñen outra completamente distinta”, denunciou, advertindo de que “se a comida non se elabora no propio centro e hai un proceso de distribución, todos os indicios apuntan a que se trata dun catering”.

A socialista criticou ademais que o Goberno municipal pretenda crear “máis administración institucional, máis estrutura e máis complexidade xurídica” para impulsar un modelo que, ao seu xuízo, “non supón un cambio real respecto ao sistema actual”.

Abal cuestionou tamén que o executivo local queira asumir mediante unha empresa pública unha competencia educativa mentres, ao seu xuízo, segue sen atender problemas que si son responsabilidade directa do Concello. Como exemplo, puxo a situación da vivenda, despois de coñecerse que Santiago lidera a subida do prezo do alugueiro no primeiro trimestre de 2026 sen que o executivo local “estea facendo absolutamente nada”.
“O que está facendo a señora Sanmartín é vender fume para tapar o seu fracaso”, advertiu a concelleira socialista. “Moita propaganda, moito titular e moito anuncio pero moi pouca rigurosidade”, concluíu.

Deja un comentario