Wednesday 20 de May de 2026

A Fusquenlla acredita outras 48 persoas máis para o uso do centro de transformación agroalimentaria


O proxecto A Fusquenlla entregou este luns as acreditacións ás 48 persoas que superaron os dous cursos de capacitación organizados nos últimos meses para aprender a utilizar o centro de transformación agroalimentaria situado no recinto feiral de Moeche. A formación estivo centrada tanto nos procesos de elaboración de zumes e conservas vexetais con todas as garantías hixiénicas e sanitarias, como no manexo seguro e eficiente do equipamento dispoñible nas instalacións. Nesta convocatoria desenvolveuse unha acción formativa de 39 horas para unha vintena de participantes que xa poderán facer uso autónomo do obradoiro como usuarias principais, mentres que outras 29 persoas obtiveron a acreditación como axudantes. Desde onte son xa case un centenar de persoas as que posúen a habilitación para traballar producindo ou dando apoio a quen elabora neste espazo colaborativo integrado na Rede Coworking PEL da Deputación da Coruña. Usuarias e usuarios procedentes dos sete municipios promotores do proxecto, pero tamén doutros concellos da provincia. Na entrega dos títulos participaron Beatriz Bascoy Maceiras, alcaldesa de Moeche; José Oreona Bra, edil de Narón; Manuel Varela Mecías, responsable de Desenvolvemento local de San Sadurniño; e a deputada provincial Cristina García Rey.

O itinerario formativo para as persoas usuarias principais estruturouse en oito módulos combinando contidos teóricos impartidos na Casa da Xuventude de San Sadurniño coa práctica directa nas instalacións da Fusquenlla, en Moeche. As sesións comezaron cunha introdución á manipulación de alimentos, abordando cuestións relacionadas coa hixiene alimentaria, os controis sanitarios, a trazabilidade e a etiquetaxe dos produtos.

A parte práctica ocupou a maior parte do programa e permitiu que o alumnado se familiarizase co funcionamento do centro e co uso de toda a maquinaria dispoñible para transformar froitas e produtos da horta en conservas cociñadas, zumes, compotas, marmeladas e deshidratados. Ademais, a formación incidiu especialmente na prevención de riscos laborais e nos protocolos necesarios para garantir unha produción segura.

Entre os contidos máis destacados figurou o manexo de equipamentos avanzados como cocecremas, tamizadoras, sistemas de envasado ao baleiro e aparellos de medición de distintos parámetros técnicos. Os módulos finais puxeron o foco no tratamento térmico mediante autoclave, unha das pezas fundamentais das instalacións, mostrando os valores óptimos de pasteurización e esterilización, ademais das maneiras de asegurar a estabilidade e seguridade das elaboracións destinadas tanto ao autoconsumo como á comercialización.

No caso das persoas que se acreditaron como axudantes, a formación consistiu nunha sesión intensiva de dúas horas centrada na seguridade e na hixiene alimentaria. Tal e como se lembrou durante o acto, estas persoas só poderán traballar nas instalacións facendo labores de apoio a unha usuaria ou usuario principal, responsable en último caso do proceso de elaboración.

Agora toca empezar a traballar
Ao remate da entrega de certificados explicáronse tamén os seguintes pasos que deberán dar as persoas acreditadas para empezar a utilizar o centro. O primeiro será solicitar formalmente a inscrición como usuarias da Fusquenlla, presentando no Concello de Moeche a documentación necesaria, nomeadamente a solicitude, a copia do DNI, unha copia do certificado que se lles entregou este luns e unha certificación da conta bancaria. Unha vez validada a solicitude, recibirán un código de acceso ás instalacións e as claves para utilizar o sistema de reservas de quendas.

As reservas realizaranse a través dun sistema de xestión -supervisado polo Técnico de Desenvolvemento Local de San Sadurniño- que se encarga de organizar os horarios e procurar un uso equilibrado do espazo. De feito, A Fusquenlla dálle prioridade na asignación de tempos a aquelas usuarias e usuarios que se coordinan para compartir quendas e planificar elaboracións conxuntas, especialmente no caso das producións destinadas ao autoconsumo.

Desde o proxecto tamén se puxo o acento na necesidade de manter unhas normas estritas de limpeza, almacenamento e rexistro das producións, aspectos fundamentais para garantir o correcto funcionamento dun espazo compartido. As persoas usuarias deberán responsabilizarse da limpeza integral do equipamento empregado, da correcta identificación das materias primas e dos produtos elaborados e do cumprimento dos protocolos sanitarios establecidos.

O Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla é unha iniciativa impulsada polos concellos de Cedeira, Cerdido, Moeche, Narón, As Pontes, San Sadurniño e Valdoviño. A Deputación tamén colabora financiando a formación e tamén investimentos no espazo, nacido co obxectivo de facilitar un lugar común onde pequenas produtoras e produtores poidan transformar os seus excedentes agrícolas e froiteiros para autoconsumo ou venda en circuítos de proximidade. Ademais, A Fusquenlla tamén promove a dinamización do rural e a colaboración para o emprendemento, como parte da Rede de espazos colaborativos Coworking PEL da Deputación da Coruña.

Deja un comentario