Diversos carteis de grandes dimensións denunciarán en distintos puntos de estradas autonómicas a marxinación coa que está a actuar o Goberno da Xunta en Oleiros. O primeiro foi colocado esta mañá, na avenida Isaac Díaz Pardo, que conecta Coruxo e Os Regos; e nos vindeiros días haberá máis.
No caso concreto desta avenida, urxe a construción de beirarrúas continuas e accesibles. Os arcéns existentes foron creados polo Concello. A única actuación realizada pola Xunta consistiu en tapar as cunetas dun tramo, tras un accidente de tráfico dun familiar dun representante do Partido Popular.
Igual que a avenida Isaac Díaz Pardo, outros importantes tramos das estradas principais de Oleiros de titularidade autonómica non dispoñen de beirarrúas nin carril bici. As beirarrúas e andéns existentes foron construídos directamente polo Concello, que asumiu as obras ante a necesidade de mellorar a seguridade viaria e facilitar a mobilidade peonil e ciclista.
O Goberno da Xunta está a practicar unha política caciquil e partidista que basicamente consiste en realizar as obras públicas nos municipios nos que o Partido Popular ocupa a alcaldía. Esa forma arbitraria e indecente de gobernar non castiga aos gobernos municipais que non son afíns, senón que realmente atenta contra os dereitos da cidadanía e o interese xeral, poñendo en serio risco a seguridade e integridade física de milleiros de condutores e peóns, como sucede nas estradas autonómicas de Oleiros, que son as vías principais do concello.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.