A directiva da entidade presentou ambos eventos aos representantes do Concello. Celebraranse o 24 de maio e o 13 de xuño.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello, recibiron a parte da directiva da Asociación Cultural Santa María de Torás -encabezada pola súa presidenta, Almudena Martínez- para presentar conxuntamente o IV Día da Muiñeira e a celebración do XLV aniversario da entidade que organizarán a propia agrupación, dous eventos que volverán reunir numerosos participantes e tamén público arredor da música e do baile tradicional galego.
O IV Día da Muiñeira celebrarase o domingo 24 de maio. A xornada dará comezo ás 17:30 horas na Praza do Concello, desde onde se iniciará un desfile polas rúas da Laracha ata a Praza Les Sables d’Olonne, espazo no que se desenvolverá a actividade principal. Agárdase a participación de arredor de 200 persoas, pertencentes a 19 grupos de 9 entidades do termo municipal da Laracha e doutros concellos próximos. Ademais da anfitrioa A.C. Santa María de Torás, teñen confirmada a asistencia a A.C. Arume de Caión, A.C. Queiroga de Paiosaco, A.C. Nemeth, A.C. Carcaxía, Grupo de Baile e Gaitas Santaia, A.C. Garrulaxe de Cecebre, Asociación de Veciños Castrillón e A.X. Xiradela.
A seguinte cita será o 13 de xuño coa foliada pola celebración do XLV aniversario da A.C. Santa María de Torás. Terá lugar na Praza Les Sables d’Olonne. A partir das 19:00 horas actuarán os diferentes grupos de música e baile da entidade, así como da A.C. Marola como agrupación convidada. Xa ás 21:00 horas celebrarase unha churrascada popular -con tíckets á venda a 18 euros- que dará paso a unha noite festiva amenizada coa música de Os Carecos. Durante o evento tamén se realizarán sorteos entre as persoas asistentes.
Ambas citas contan coa estreita colaboración organizativa e loxística do Concello da Laracha, así como co apoio económico da Deputación da Coruña.
Desde o Concello anímase á cidadanía a asistir a ambas citas para desfrutar do folclore galego e apoiar á A.C. Santa María de Torás como unha das entidades referentes no termo municipal da Laracha na dinamización da cultura.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.