Thursday 21 de November de 2024

Outros 100 alumnos do colexio Ventín de Santiago coñeceron o funcionamento de Meteogalicia


Os meteorólogos fixeron especial fincapé nas fontes de incerteza que existen no traballo de toma de datos e na posterior predición

 

Un cento de estudantes do 4º de Primaria do CEP Ventín de Santiago de Compostela visitaron esta semana as instalacións de Meteogalicia, onde coñeceron o funcionamento deste departamento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Este grupo súmase aos outros 96 alumnos que o pasado 14 de outubro tamén participaron nesta iniciativa formativa que a Xunta leva a cabo para achegar aos cidadáns a meteoroloxía. Estas actividades divulgativas están enfocadas tanto a estudantes de centros adscritos como aos de diversas asociacións. Para iso, ademais de incluír visitas ás instalacións de Meteogalicia en San Lázaro, tamén se explican os pasos esenciais que se deben dar para realizar as predicións meteorolóxicas.

 

En primeiro lugar, amosóuselles a sala de predición, onde se explicaron as ferramentas que usan os técnicos para levar a cabo o seu traballo, así como unha explicación básica do proceso de predición meteorolóxica. Faise un especial fincapé nas fontes de incerteza que existen no traballo de toma de datos e na posterior predición.

 

Tamén se fai unha breve presentación, que representa unha toma de contacto coa meteoroloxía e á climatoloxía, que no caso de alumnos de Primaria e Secundaria serve para repasar os conceptos de diferenza entre tempo e clima, ciclo hidrolóxico, borrascas e anticiclóns, frontes, furacáns, tornados e imaxes de satélite, entre outros.

 

Contido das explicacións

Sinalar que as explicacións adecúanse ao nivel e intereses do auditorio, de modo que se profunda máis ou menos segundo o devandito nivel. No caso de alumnos de Bacharelato, ademais, insistirase na descrición das situacións sinópticas e o seu recoñecemento. Para alumnos de Universidade ou outro tipo de grupos explicarase tamén o funcionamento dos modelos meteorolóxicos, a interpretación dos seus resultados e o uso da páxina web de MeteoGalicia na que se poderá atopar toda a información que se precisa para realizar a predición. Tamén nos deteremos, se é de interese, nun aspecto fundamental da meteoroloxía como é a detección e seguimento de fenómenos meteorolóxicos adversos.

 

Para rematar, haberá unha exposición de aparellos meteorolóxicos, na que se explicarán os distintos sensores e a súa utilidade así como se darán algunhas pinceladas sobre o traballo de observación meteorolóxica e mantemento da rede de estacións meteorolóxicas deste organismo autonómico.