O Concello de Santiago e os tres equipos finalistas —liderados polo proxecto gañador, ‘Hermes’— oficializan o resultado do concurso coa presentación dos traballos e entrega do premio no Pazo de Raxoi. Do 19 ao 31 de maio poderá visitarse a exposición do proxecto “Compostela Nocturna, Mírame!” na Casa do Cabido.
O Pazo de Raxoi acolleu esta mañá a presentación oficial do proxecto gañador e entrega dos premios do Concurso Internacional de Iluminación Ornamental e Artística da contorna monumental da Catedral de Santiago “Compostela nocturna, mírame!”. O acto serviu para recoñecer o traballo dos tres equipos finalistas e dar a coñecer tanto as propostas finalistas como o proxecto que servirá de base para a futura iluminación do corazón da cidade histórica coas obras de iluminación na praza de Praterías.
No acto de entrega, que estivo presidida pola alcaldesa, Goretti Sanmartín Rei, tamén participaron o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, o representante do equipo gañador, Miguel Ángel Lorite, e a representante da oficina técnica do concurso, Cecilia Pereira.
Na súa intervención, Goretti Sanmartín, alén de parabenizar as tres propostas finalistas e agradecer o traballo e implicación de todas as persoas que conformaron o xurado, explicou que “a proposta de iluminación que hoxe premiamos vai na liña de contar cun proxecto de iluminación pioneiro, que se axuste ás necesidades do noso patrimonio, ás condicións ambientais desta cidade e que atenda a delicadeza e as sutilezas da noite compostelá”. A rexedora rematou expresando o desexo de que “sexa esta iluminación nocturna un atractivo máis para todas as persoas que temos a fortuna de vivir en Compostela, para as persoas da nosa comarca e tamén para as persoas que nos visiten e queiran incrementar aquí as súas estadías e experiencias”.
Pola súa banda, o director da Axencia de Turismo tamén coincidiu en poñer en valor o perfil das persoas do “xurado de expertos, todos de recoñecido prestixio” e aseguorou que é “unha satisfacción ver o resultado do concurso” por canto vai supoñer un impulso ao Plan de Sustentabilididade Turística de Santiago de Compsotela. Neste sentido, tamén afirmou que “é un plan perfectamente definido para as necesidades que ten Compostela”.
Miguel Ángel Lorite, do estudio Intervento, recolleu o primeiro premio por ‘Hermes’, unha proposta que acadou 95 puntos sobre 100 no certame. O xurado considerou que se trataba dunha achega completa, eficiente, respectuosa e viable, valorando especialmente que resolvese a iluminación ornamental sen instalar novos elementos sobre as cubertas da Catedral. Miguel Ángel Lorite salientou, en primeiro lugar, a importancia da convocatoria de concursos destas características e centrouse nos parámetros conceptuais que definen o proxecto. Así, explicou que entenden a iluminación artificial como “unha linguaxe”, coa que intentarán alterar o mínimo tanto o conxunto monumental como o ceo nocturno, para crear “un ambiente visual pensado para a veciñanza, para ofrecerlle un paseo nocturno ás persoas que viven aquí, poñendo pequenos acentos en cousas que pasan desapercibidas, ou que estiveron e xa non están, en elementos da arquitectura vernácula ou que teñen que ver co imaxinario”.
Os outros dous equipos finalistas —o estudio finés Valoa Design e o equipo italiano liderado por Studio Piero Castiglioni, xunto a Marco Petrucci e F&M Ingegneria— participaron de xeito remoto a través de vídeos nos que deron a coñecer os trazos fundamentais das súas propostas e agradeceron a súa valoración neste certame.
Un modelo de proba na praza das Praterías
Os asistentes trasladáronse á Praza das Praterías, espazo que acollerá o proxecto piloto da intervención. Tal como explicaron os responsables técnicos, esta praza servirá de banco de probas polas súas características de espazo cívico complexo con dúas plataformas e gran diversidade de usos, permitindo avaliar o comportamento da luz antes de estendela ao resto do ámbito monumental.
O proxecto proposto por Intervento baséase nunha interpretación da morfoloxía urbana e da historia construtiva, concibindo a luz como unha capa máis do espazo: integrada, reversible e respectuosa coa percepción diúrna. A iluminación estrutúrase mediante unha xerarquía na que os elementos principais reciben unha presenza gradual e controlada, mentres que os secundarios manteñen niveis máis baixos, favorecendo transicións suaves.
A proposta presta especial atención á continuidade visual entre prazas e tránsitos, O resultado é unha paisaxe nocturna equilibrada, comprensible e sostible, na que a iluminación actúa como ferramenta de interpretación e conexión, contribuíndo a unha relación máis consciente entre o patrimonio, a cidade e a noite.
Exposición e calendario de visitas
Tras a entrega de premios, inaugurouse na parte baixa da Casa do Cabido, no propio ámbito de Praterías, a mostra que detalla o proceso e resultados do certame. Trátase dunha exposición composta por nove paneis nos que se describe o proceso do certame, contextualizando as orixes da iluminación artificial na cidade, explicando o procedemento elixido, a configuración e labor do xurado e os diferentes criterios avaliados. A maiores, analízase a ampla concorrencia internacional e as ideas conceptuais finalistas e descríbese o previsto a continuación, coa posta en marcha do proxecto piloto da Praza de Praterías.
A cidadanía poderá participar en visitas guiadas á mostra os días 21, 26 e 28 de maio ás 18:30 h na Casa do Cabido, sen necesidade de inscrición previa até completar aforo. Posteriormente, a exposición trasladarase á Casa das Asociacións de Cornes do 1 ao 8 de xuño. Neste caso, está previsto realizar dúas visitas guiadas gratuítas o martes 2 de xuño en quendas de mañá (ás 12:00 h) e tarde (18:30 h).




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.