Tuesday 19 de May de 2026

A curtametraxe “Zona 0”, do CPR Cid, gañadora na categoría de primaria do concurso do Concello Cinema na Escola 2025-2026


Hoxe celebrouse no Ágora a cerimonia de entrega de premios para os participantes de 5º e 6º de primaria, e mañá terá lugar a dos centros de secundaria

Hoxe tivo lugar no Ágora a entrega de premios para os colexios de primaria (5.º e 6.º curso) gañedores do certame Cinema na Escola, un innovador concurso audiovisual organizado polo Concello que tivo unha gran participación do alumnado dos centros da cidade, con máis de 800 estudantes e 22 docentes de 17 centros educativos implicados. A obra “Zona 0”, do CPR Cid, foi a agraciada na categoría de Mellor Curtametraxe. Mañá pola tarde, tamén no Ágora, realizarase o acto de entrega para o alumnado de secundaria.

Cinema na Escola é un programa municipal —impulsado por primeira vez polo Goberno de Inés Rey no curso 2021-2022— que busca inculcar e educar a xuventude na expresión audiovisual a través da produción de curtametraxes propias. Os grupos participantes tiveron que desenvolver todas as fases do proceso, desde a actuación á escritura, a dirección, a produción ou a montaxe. Así, centos de alumnos e alumnas achéganse por primeira vez ás técnicas propias desta disciplina artística.
“Cinema na Escola é un proxecto educativo do que o Goberno municipal se sente moi orgulloso. Non só porque é unha forma diferente de aprender técnica e arte, senón porque é unha forma extraordinaria de que o alumnado lles perda o medo á expresión libre e á comunicación, dándolles ferramentas que lles serán moi útiles na súa vida”, subliñou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, quen estivo presente na gala en representación do Concello.

Mañá, mércores 20 de maio, realizarase a segunda gala, para premiar os centros de secundaria. Na de hoxe, participaron os seguintes colexios de primaria:
– CEIP Alborada coa curta “Toc, toc”
– CEIP Alborada coa curta “Adeus”
– CEIP Curros Enríquez coa curta “A pizarra”
– CEIP Curros Enríquez coa curta “Rachando o telón”
– CEIP José Cornide coa curta “O pozo dos desexos”
– CEIP Ramón de la Sagra coa curta “O chichón do pasado”
– CEIP Sagrada Familia coa curta “O aprendiz”
– CEIP Zalaeta coa curta “Canto medraches”

Todas as obras foron rodadas en galego e co teléfono móbil como instrumento de gravación. Ademais, impartíronselles talleres formativos de iniciación á creación audiovisual e asesoramento presencial nas tarefas de filmación e montaxe, co obxecto de darlle ferramentas ao alumnado para poder elaborar os curtametraxes.

Os galardóns foron deliberados por un xurado de persoas expertas composto polo actor de escena e dobraxe Santiago Fernández; a directora de casting Isa Escrigas; a doutora en fotografía por Belas Artes Ledi Bellón; o realizador e montador gañador dun Goya Fran X.

Rodríguez e a técnica de Educación do Concello Ana Judel Prieto.

O palmarés completo foi:
– Mellor Curtametraxe: “Zona 0” (CPR Cid)
– Mellor Guión: “Zona 0” (CPR Cid)
– Mellor Fotografía: “Zona 0” (CPR Cid)
– Mellores Efectos Visuais: “O aprendiz” (CEIP Sagrada Familia)
– Mellor Edición e Montaxe: “Adeus” (CEIP Alborada)
– Mellor Edición de Audio: “O pozo dos desexos” (CEIP José Cornide)
– Mellor Interpretación: “Zona 0” (CPR Cid)
– Mención Valores: “Rachando o telón” (CEIP Curros Enríquez)
– Mención Comedia: “O chichón do pasado” (CEIP Ramón de la Sagra)
– Mención Esforzo: “A pizarra” (CEIP Curros Enríquez)
– Premio do Público: “Adeus” (CEIP Alborada)

Deja un comentario