As exposicións Designed in Galicia e #novodeseñogalego pódense visitar desde hoxe e até principos do mes de xuño na avenida do Porto
Galicia Design Week (GDW) inaugurou este martes o seu gran bloque expositivo na avenida do Porto para dar conta do valor e da potencia creativa do país. O acto de apertura contou coa presenza do concelleiro de Cultura e Turismo do Concello da Coruña, Gonzalo Castro, e do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil; mais tamén asistiron Alex Rico e Marta González (codirección da GDW), patrocinadores do evento e varias das autoras participantes: a escenógrafa Ana Inés Jabares Pita, a ceramista Camila Sánchez (LamaeLume), a arquitecta Celsa Pesqueira, a fotógrafa creativa María Cereijo, o deseñador de moda Mario Leiro e a artista visual Zeltia Iglesias.
O evento serviu para presentar as dúas propostas que a cidadanía poderá descubrir estas semanas durante a sétima edición da GDW. Por unha banda, Designed in Galicia, unha recompilación dos proxectos máis salientables que colleitaron galardóns de prestixio ao longo do último ano, como é o caso de Miguel Leiro (Premio Nacional de Diseño 2025), DDue (Premio Luis Seoane de Deseño 2025), estudios de arquitectura (entre os que destacan Carlos Seoane, CREUSeCARRASCO ou Carbajo Barrios) ou axencia creativas (teiga.studio). “Desde o Goberno de Inés Rey entendemos que A Coruña ten que liderar os grandes proxectos culturais de Galicia, e este evento é o mellor exemplo, capitaneando o mellor do deseño nacional durante unha semana e ofrecendo á cidadanía ese traballo”, indicou Castro.
As estruturas que soportan as pezas desta mostra -que se poderá visitar até o 14 de xuñoforon deseñadas e fabricadas especificamente para esta cita por Grupo Malasa, a firma familiar galega que lidera a produción de mobiliario a medida en toda Europa. Pola outra, o público poderase achegar até o 4 de xuño a #novodeseñogalego, unha escolma que pon o foco no talento emerxente. A exhibición recolle un total de 20 propostas asinadas por 10 perfís multidisciplinares e que estes días están a presentar os seus proxectos na cidade tanto nas sesións TALKS e MICROTALKS: Álvaro Bellón, Ana Inés Jabares Pita, Andrea Ures, Lamaelume, Laura Campos, María Cereijo, mariOLéiro, Nuclear, Pesqueira e Zeltia Iglesias.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.