Tuesday 19 de May de 2026

O programa “Tempos para compartir” ofrecerá en Naraío un obradoiro práctico para aprendermos a xestionar o estrés e coidarnos mellor


A Área Municipal de Igualdade do Concello de San Sadurniño tamén programou para o venres 29 unha charla sobre saúde da muller

 

O programa municipal de lecer e aprendizaxe Tempos para compartir encara a súa recta final antes das vacacións do verán cun obradoiro que vai ter lugar no local social de Naraío o domingo 31 de maio entre as 11:00 e as 13:00h. A sesión estará centrada desta vez na xestión do estrés e nas técnicas de autocoidado. De impartila encargaranse Eva Vales Pol e Anaí Díaz Tojeiro, ambas veciñas do lugar do Castelo que, ademais, posúen unha ampla experiencia co ioga e outras actividades relacionadas co benestar corporal e emocional. A actividade combinará técnicas de relaxación, mindfulness, movemento corporal e conexión coa natureza. O obradoiro contará cun máximo de 15 prazas e as inscricións poden realizarse a través do correo electrónico da Axente de Igualdade, oriana.lopez@sansadurnino.gal, ou chamando ao teléfono 673 903 922. En relación con esta temática, o departamento tamén organizou para o venres 29 ás 19:00h na Casa da Cultura unha charla sobre saúde da muller. As inscricións deben facerse nas mesmas vías de contacto.

Nun contexto marcado polas présas, as obrigas diarias e a dificultade para atopar momentos de calma, o Tempos… do domingo 31 buscará proporcionarnos ferramentas sinxelas e útiles para mellorar o equilibrio emocional e físico. A través dunha metodoloxía baseada na relaxación, a respiración e o movemento, as persoas participantes poderán descubrir recursos orientados a reducir a tensión acumulada, mellorar o descanso e favorecer unha maior conexión co presente.

Tal e como apuntan desde a área de Igualdade, a sesión está pensada “como unha experiencia sensorial completa, na que se combinarán coñecementos científicos e prácticas de benestar”. Durante a xornada abordaranse “técnicas de relaxación e presenza consciente, como o palming ou exploración corporal, exercicios de ioga para os ollos e propostas de mindfulness centradas no saboreo do momento presente”.

O encontro tamén incluirá actividades orientadas ao movemento corporal e á liberación de tensións mediante estiramentos de ioga, o uso xestual das mans e nocións básicas de reflexoloxía podal. Ademais, as persoas participantes poderán experimentar pequenas masaxes con aceites naturais orientadas a favorecer o descanso e o benestar físico.

Outro dos aspectos destacados será o traballo arredor da enerxía e do son como ferramentas de regulación emocional. Durante a actividade ofreceranse recursos inspirados no Reiki e explorarase o uso da música para promover estados de relaxación ou activar o ánimo segundo as necesidades de cada momento.

A proposta completarase cunha parte máis creativa e vinculada á natureza. As persoas participantes prepararán un “Tarro da tranquilidade”, pensado como ferramenta práctica para o día a día, e a sesión pecharase cunha aproximación aos baños de bosque ou Shinrin Yoku, unha práctica de orixe xaponesa baseada nos beneficios terapéuticos do contacto consciente coa natureza.

Charla sobre saúde da muller o venres 29
Dentro desta mesma liña de promoción da saúde e do benestar, Igualdade tamén ofrecerá o venres 29 de maio ás 19:00 horas na Casa da Cultura unha charla centrada na saúde da muller con motivo do Día Internacional da Acción pola Saúde das Mulleres, que se conmemora o 28 de maio. O encontro abordará cuestións relacionadas coa perimenopausa, a menopausa, a alimentación e os hábitos saudables desde unha perspectiva integral e divulgativa.

A actividade estará conducida neste caso por Cristina Vázquez Pérez, matrona dos centros de saúde de San Sadurniño e Valdoviño, e Laura Gil Prado, nutricionista e responsable do Centro Nutrivita. Ao remate da charla haberá tamén un pequeno petisco inspirado nos alimentos recomendados durante a sesión. As inscricións poden realizarse igualmente a través do correo oriana.lopez@sansadurnino.gal ou no teléfono 673 903 922.

Deja un comentario