Tuesday 19 de May de 2026

O Concello de Carballo pon á disposición da veciñanza un modelo de alegacións individuais contra a planta de biogás da Laracha


• O documento tipo pode descargarse na páxina web carballo.gal para facilitar a participación cidadá no proceso de exposición pública

• O prazo para que os veciños e veciñas presenten as súas consideracións remata o vindeiro martes 26 de maio

• O goberno local ultima tamén as súas propias alegacións técnicas para blindar a protección do río Anllóns e garantir a calidade do abastecemento de auga potable

O Concello de Carballo informa de que xa está dispoñible na páxina web municipal (carballo.gal) o modelo de alegación tipo individual para que toda a veciñanza que o desexe poida participar no trámite de información pública do proxecto da planta de biogás proxectada no veciño concello da Laracha.

Cun documento amplo e fundamentado, o obxectivo do goberno municipal é facilitar que os veciños e veciñas poidan canalizar de xeito sinxelo as súas preocupacións ante un proxecto que sitúa as súas posibles afeccións directas e indirectas sobre o termo municipal de Carballo. O prazo para a presentación destas alegacións remata o vindeiro martes 26 de maio.

O modelo de alegacións posto a disposición pública recolle de forma detallada os principais riscos detectados no proxecto e que afectan directamente á calidade de vida do municipio:
• Abastecemento de auga: alértase do impacto crítico que os vertidos tratados ao río Anllóns poden ter sobre a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Carballo, situada augas abaixo da planta, o que podería comprometer a potabilidade do subministro e a saúde pública.
• Rede Natura 2000: cuestiónase a falta de estudos rigorosos sobre o impacto medioambiental no tramo do río Anllóns catalogado como Zona Especial de Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).
• Riscos e seguridade: denúnciase que a planta prevé un funcionamento de 24 horas pero con longos períodos sen persoal físico nas instalacións, o que dificultaría a detección temperá de fugas, olores ou vertidos accidentais de substancias perigosas e residuos SANDACH.
• Modelo rural e infraestruturas: amósase o rexeitamento ao incremento sostido de tráfico pesado en vías locais non preparadas e ao impacto visual, acústico e de olores que ameaza o tecido socioeconómico e agrogandeiro da zona.

Paralelamente á mobilización veciñal, os servizos técnicos e xurídicos municipais están ultimando as alegacións institucionais do propio Concello de Carballo. Desde o goberno local estase a realizar unha análise exhaustiva e rigorosa do proxecto para esixir as máximas garantías ambientais, territoriais e urbanísticas.

Desde o goberno municipal faise un chamamento explícito á implicación de toda a cidadanía nesta recta final do prazo, xa que se trata dun procedemento de especial transcendencia para o futuro ambiental, socioeconómico e sanitario da comarca de Bergantiños.

Información práctica para a veciñanza
• Descarga do documento: dispoñible na portada de carballo.gal (banner inferior)
• Prazo límite de presentación: martes, 26 de maio de 2026
• Onde presentar as alegacións: a través do rexistro xeral do Concello, sedes electrónicas ou calquera dos medios habilitados pola Lei do Procedemento Administrativo Común

Deja un comentario