Tuesday 19 de May de 2026

A chegada do bo tempo reactiva as reparacións nuns sete quilómetros da rede viaria de San Sadurniño


O inverno tan chuvioso que tivemos deulle paso hai case dous meses a unha primavera un tanto revolta, con días solleiros alternados con outros de auga. Un tempo que, desde o outono pasado, retrasou o inicio de distintas obras na rede viaria municipal. Porén, agora semella que a cousa vai asentar e que por fin vai vir a calor, tan necesaria para que a terra enxugue e permita que o traballo quede feito como debe quedar. Neste sentido, a construtora José No Mantiñán e Hijos está rematando a última obra que tiña adxudicada con cargo ao Plan Camiña Rural do ano pasado e en breve proseguirá coa execución do paquete do Plan Adicional 02/2025 da Deputación da Coruña, interrompido polo mal tempo do inverno despois de terse iniciado. Estes proxectos suporán a mellora duns sete quilómetros de pistas municipais.

A maquinaria estivo traballando este luns en Santa Mariña do Monte para deixar listo o segundo tramo previsto no Plan Camiña Rural, situado no lugar da Pena. Trátase dunha pista asfaltada de algo máis de medio quilómetro de lonxitude que conecta a estrada provincial DP-7603 co lugar de Vilachá pasando por detrás do Mesón Os Cazadores.

Dado que non é unha vía principal que soporte un tráfico intenso, os traballos correctivos ocupáronse dunha limpeza das cunetas e do firme, ao que se lle taparon os baches e se lle botou unha nova capa de rodadura con regas asfálticas e saburra. A obra tamén se aproveitou para sanear un camiño circular que lle dá servizo a dúas vivendas algo máis afastadas da pista principal, sumándolle ao trazado final outros 240 metros.

Esta obra formaba parte dun proxecto cifrado en 104.000 euros no que tamén se recollía o aglomerado do eixo As Ramisqueiras-Vilela (pasando polas Leiras), no Camiño Arriba, finalizado xa hai uns meses.

Tras esta actuación financiada polo Plan Camiña Rural, as obras continuarán nestes días en Santa Mariña do Monte, dentro dun dos catro proxectos acollidos ao Plan Adicional 02/2025 da Deputación da Coruña. Así, na Castiñeira repararanse dous tramos que suman 510 metros de lonxitude, ademais de 200 metros no lugar da Esperanza. Sen saír do mesmo proxecto técnico, aínda que xa en Ferreira, os traballos ocuparanse doutros dous segmentos da pista que baixa desde A Leiriña ata Moeche: o comprendido entre os desvíos de Santiso e Lapas de Abaixo, de 325 metros, e o que vai desde o cruzamento das Filgueiras ata o límite co concello veciño, de 210 metros. Neste caso o investimento ascende a 34.500 euros.

Alén destas actuacións, o Concello tamén deseñou outros tres paquetes viarios de execución inminente en Igrexafeita, Ferreira e Naraío. O procedemento de reparación é practicamente idéntico en todos os casos: primeiro límpanse as cunetas (labor que xa se fixo hai algún tempo) e agora toca varrer o firme, arranxar baches con grava e piche e, por último, esténdese dunha nova capa de rodadura alternando regas asfálticas con saburra. Ademais, nalgúns tramos tamén se intervirá para entubar escorras.

En Igrexafeita pavimentaranse de novo os camiños da Fraguela ata a Casatellada e desde A Fraguela ata As Costeiras, dúas pistas conectadas entre si que enlazan estes tres lugares situados ao sur da AG-64. Entre ambas suman 1,7 quilómetros de lonxitude e dan servizo a unha ducia de vivendas. O investimento final acada os 48.037 euros, 2.000 por debaixo do orzamento en que se licitaron as obras.

No caso de Naraío están en marcha dúas obras con cargo ao Plan Adicional 02/2025 da Deputación. A primeira, cunha lonxitude total de 1.665 metros, abrangue un entramado de camiños que estruturan A Ferraría, Pielas, O Batán, O Muíño e A Cernada, dándolle acceso a preto dunha trintena de vivendas. Dentro deste mesmo proxecto inclúese tamén o asfaltado do camiño que vai desde Quintiá ata o límite co concello da Capela, na pista que leva a Formariz. As obras, cun orzamento inicial de 70.486,08 euros, impostos incluídos, foron finalmente adxudicadas por 66.550 euros.

O terceiro proxecto que se vai executar de maneira inminente con cargo ao segundo plan adicional do POS+ 2025 é o da pista de Cadavás, de 900 metros, e o do camiño que comunica Os Pontigos con Piñeiros, en Ferreira, cunha lonxitude de 1,5 quilómetros, aos que se engaden outros 100 metros nos accesos ás vivendas do núcleo de Piñeiros. O orzamento conxunto destas actuacións aproximábase aos 60.000 euros e a adxudicación definitiva foi de 56.507 euros.

Deja un comentario