• O letreiro instalouse fronte á Casa do Concello.
• A alcaldesa, Ana María López, destaca que “queremos que quen nos visite lévense unha fotografía, pero sobre todo unha experiencia e un recordo do que significa Cariño”.
O Concello de Cariño inaugurou o pasado domingo, 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, un novo letreiro co nome do municipio situado fronte á Casa do Concello. Moito máis que seis letras, esta nova instalación representa o orgullo, a memoria e o sentimento de pertenza de todo un pobo.
A inauguración, marcada polo emotivo son da gaita, reuniu a veciños e veciñas nun acto cargado de simbolismo e emoción, no que se puxo en valor o significado profundo que encerra o nome de Cariño. Un nome que identifica a xeracións enteiras e que forma parte da esencia colectiva do municipio.
“Cariño é recordo e sentimento, é orgullo de pobo e das nosas raíces. Estas letras representan todo aquilo que somos e que queremos seguir transmitindo a quen vén detrás de nós”, sinalou a alcaldesa, Ana María López.
O novo letreiro nace tamén coa vocación de converterse nun atractivo turístico e nun novo punto de referencia para veciños e visitantes. Desde o Concello espérase que esta instalación contribúa a promocionar a imaxe de Cariño e a reforzar o vínculo emocional que moitas persoas senten coa localidade.
“Queremos que quen nos visite lévense unha fotografía, pero sobre todo unha experiencia e un recordo do que significa Cariño: hospitalidade, identidade e amor pola nosa terra. Estas letras serán unha fiestra aberta ao mundo para mostrar o orgullo que sentimos de ser de aquí”, engadiu a rexedora.
O Concello destaca ademais que esta iniciativa pretende poñer en valor a identidade local e render homenaxe a todas aquelas xeracións que ensinaron a amar, coidar e defender esta terra, mantendo vivo o legado e o sentir máis profundo do pobo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.