Tuesday 19 de May de 2026

A andaina «A Coruña, en marcha contra o cancro» tinguirá de verde as rúas da cidade este domingo 24, e cumprirá a súa XIII edición


O Concello colabora coa Asociación Española contra el Cáncer (AECC) na organización desta cita solidaria, que percorrerá o paseo marítimo entre Parrote e Santo Amaro para visibilizar a loita contra a enfermidade

A cidade vive xa a súa conta atrás de cara á XIII edición da andaina «A Coruña, en marcha contra o cancro», unha iniciativa solidaria impulsada pola Asociación Española contra el Cáncer (AECC) coa colaboración do Concello, e que tinguirá de cor verde as rúas herculinas co obxectivo de visibilizar a loita contra a enfermidade e recadar fondos destinados á investigación oncolóxica.

Esta mañá, a praza de María Pita acolleu o acto de presentación da andaina, que terá lugar este domingo 24 de maio, con saída ás 10:00 horas desde Porta Real. Será o punto de partida dun percorrido de cinco quilómetros a través do Parrote, o Paseo Marítimo e a contorna do Club do Mar de Santo Amaro.

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, destacou a importancia desta cita no calendario anual da cidade, que une dúas liñas de acción coas que o Goberno de Inés Rey está firmemente comprometido: o apoio ás causas solidarias e a promoción dos hábitos de vida saudables.

Nereida Canosa fixo fincapé na importancia de que eventos deste tipo xeren unha resposta colectiva por parte da cidadanía. “Esta iniciativa consegue unirnos na promoción da saúde e na loita, na reivindicación dunha enfermidade que afecta a milleiros de persoas”, apuntou a concelleira, que tamén resaltou que “o futuro está na ciencia, na investigación, e as administracións deben apostar por isto. Investir en coñecemento é investir en futuro, en saúde e en calidade de vida”.

Canosa estivo acompañada hoxe polo concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e por Javier Álvarez Barbeito, presidente da xunta provincial da AECC na Coruña, que animou a cidadanía a sumarse á andaina aproveitando a recta final do prazo de inscricións.
“Este ano esperamos ver as rúas encherse, unha vez máis, dese verde que simboliza algo que nunca debemos perder: a esperanza. Pero, sobre todo, esta andaina ten un propósito moi claro. Poñémonos en marcha polas persoas: polas que están a atravesar un cancro e polas súas familias, por quen precisa apoio, acompañamento e comprensión nun momento difícil”, expresó Álvarez Barbeito durante a presentación.

As inscricións poden formalizarse na web corunaenmarcha.com (ata este xoves 21 de maio ás 22:00 horas). Tamén na sede de AECC na rúa Real nº1, en horario de luns a xoves de 10:00 a 17:00 horas e os venres de 10:00 a 14:30 horas ata este 21 de maio, e de 10:00 a 20:00 horas o venres 22 e sábado 23. Tamén están abertas na sección de deportes (quinto andar) de El Corte Inglés (rúa Ramón y Cajal), en horario de apertura, ata este xoves 21 ás 22:00 horas. Ademais, o propio día da andaina será posible inscribirse de forma presencial na zona de Porta Real ata as 9:00 horas.

O custo da inscrición é de 10 euros para as persoas adultas e de 5 euros na franxa de idade das nenas e nenos. Ademais, aquelas persoas que non poidan participar poderán colaborar igualmente a través do Dorsal 0 dispoñible na web, en formato doazón.

A mañá do domingo incluirá, ademais, unha ampla programación para todas as idades. En paralelo á andaina solidaria haberá actividades de fitness, sorteos de agasallos e moitas máis sorpresas.

Deja un comentario