Tuesday 19 de May de 2026

A Xunta recoñece a excelencia de 103 estudiantes do Sistema Universitario de Galicia cos Premios Fin de Carreira


— A Consellería de Educación publica a resolución desta distinción, que vai acompañada dunha dotación económica de 3.500 €

— O 63% das premiadas son mulleres, fronte a un 37% de homes

— A universidade con máis distinguidos é a de Santiago, con 47, seguida pola de Vigo, con 40, e a da Coruña, con 16

A Xunta vén de recoñecer a excelencia dun total de 103 estudantes que remataron o grao no curso 2024/25 no Sistema Universitario de Galicia cos premios fin de carreira. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a relación de galardoados, dos que o 63% son mulleres, un total de 65, fronte a un 37% de homes, 38 galardoados.
O obxectivo destes galardóns é recoñecer o esforzo, traballo e dedicación dos estudantes cunha excelente traxectoria académica. O diploma acreditativo desta distinción vai acompañado dun premio económico de 3.500 €.
Para acceder a estes premios, as persoas tiñan que acreditar unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde, e a 7,5 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.
A universidade con máis distinguidos é a de Santiago, con 47, seguida pola de Vigo, con 40, e a da Coruña, con 16. Por campus, o de Santiago rexistra 39 premiados, o de Vigo 18, o de Pontevedra 13, o da Coruña 11, o de Ourense 9, o de Lugo 8 e o de Ferrol 5.
Por ramas de coñecemento, o 40% (41 persoas) cursaron graos de Ciencias Sociais e Xurídicas, o 20% (21 persoas) de Ciencias da Saúde, o 17% (18 persoas), de Enxeñaría e Arquitectura, o 13% (13 persoas) de Artes e Humanidades e o 10% (10 persoas) de Ciencias.

Deja un comentario