O Concello de Ribeira colabora coa comisión na organización dos festexos
A parroquia ribeirense de Carreira festexará a Virxe da Guía cunha completa axenda que vai do 23 ao 25 de maio, con forte presenza da música tal e como desvelaron o concelleiro de Festexos, Fernando Abraldes, xunto a representantes da comisión de festas: a presidenta, Astrid Dios; a secretaria, María Grela; a tesoureira, Cristina Sobrido; e as vogais, Sabela Grela, Paula Sobrido e Enara Vidal.
“Estamos a piques de dar a benvida ao verán e, con esta época, ás numerosas festas que animarán o noso municipio. Desta vez, desfrutaremos dunha celebración emblemática como é A Guía, en Carreira. Quero agradecer o traballo altruísta que fan dende as comisións de festas por dinamizar os distintos lugares de Ribeira e manter vivo ese espírito de comunidade. Dende o Concello estaremos sempre ao seu carón colaborando en todo canto precisen”, indica o edil.
No sábado 23, Día dedicado a pedir pola Paz, haberá novena, misa e procesión. Xa pola noite, o ritmo virá marcado por Platinum e Planet Discomóvil.
Os oficios relixiosos iniciarán a xornada do domingo 24, a partir das 10.30 horas, para despois desfrutar da sesión vermú con Dúo Rumbo Norte e bailar ao final do día coa verbena a cargo de Unión y Fuerza.
E xa no luns 25, Festa da Nosa Señora da Guía, haberá numerosos oficios, sendo a misa solemne e procesión ás 13.00 horas. O broche de ouro virá coa música da man da orquestra Marbella.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.