As obras incluíron tamén o aglomerado de dous entronques coa DP-3802 ao seu paso pola parroquia de Aiazo
O Concello de Frades vén de rematar as obras de mellora dos accesos á aldea de Caboladrón (Mesos) e ao punto limpo de Frades (Céltigos), un proxecto que supuxo un investimento de 181.496 euros e que tamén incluíu melloras no aparcadoiro do CPI de Ponte Carreira (Gafoi) así como en dous entronques coa estrada DP-3802 na parroquia Aiazo e na pista de O Pazo a Vistalegre (Galegos).
O alcalde en funcións, Manuel Ferreiro, destaca que “neste proxecto incluímos unha obra moi demandada pola veciñanza, como é a mellora do firme no CPI de Ponte Carreira. Aló aglomeramos unha superficie de 500 metros cadrados para pintar as prazas de aparcamento, dando así resposta a unha necesidade que se pon especialmente de manifesto cando se organizan eventos no polideportivo municipal”.
Esta actuación permitiu arranxar 2,5 quilómetros de estradas, todos eles con 3 centímetros de mestura bituminosa previo bacheo con grava e tratamento asfáltico en toda a superficie da estrada. No caso da pista de Pazo a Vista Alegre executáronse tamén dúas cunetas de seguridade en formigón, baixo a que se canalizou a recollida de augas pluviais con 10 arquetas sumidoiro.
Así mesmo, melloráronse dous entronques coa estrada provincial DP-3802 ao seu paso pola parroquia de Aiazo, concretamente nos puntos quilométricos 13,8 e 13,6, onde se acondicionou con 5 centímetros de aglomerado en quente unha superficie de 380 metros cadrados, co posterior pintado das liñas de bordo e sinalización horizontal. Unhas actuacións incluídas no Plan Único de Concellos POS+2025.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.