Tuesday 19 de May de 2026

O Concello de Ribeira, a R. e I. Cofradía da Dorna e Amicos suman forzas cunha limpeza de praias focalizada en Coroso


 A actividade desenvolverase neste sábado 23, en horario de mañá

Coa chegada do bo tempo, o Concello de Ribeira, a Real e Ilustre Cofradía da Dorna e a Asociación Amicos establecen sinerxías poñendo o foco no coidado e preservación das contornas mariñas. En consecuencia, promoven unha limpeza de praias aberta a toda a cidadanía que se concentrará en Coroso, segundo deron a coñecer o concelleiro do Mar e Promoción do Litoral, Fernando Abraldes; o seu homólogo de Medio Ambiente, Víctor Reiriz; o presidente da R. e I. Cofradía da Dorna, Álex Nespereira; e parte da familia que conforma Amicos.

Esta acción medioambiental terá lugar no sábado, 23 de maio, de 11.00 a 13.00 horas, coa Escola Náutico Pesqueira como punto de encontro.
“Este tipo de actividades redundan positivamente na sociedade ao implicar á poboación na retirada de residuos dos areais, pois non só teremos limpas as nosas praias, senón que tamén sensibilizamos sobre a importancia da protección e conservación da nosa costa. Esta é unha maneira máis de promocionar o noso litoral de gran riqueza medioambiental, pesqueiro e turístico. Xa en marzo tivemos unha limpeza na zona de Corrubedo e agora centrámonos no noso areal urbano por excelencia. Ademais, seguimos traballando en novas accións que daremos a coñecer en vindeiras convocatorias noutros espazos naturais”, en palabras do concelleiro de Mar e Promoción do Litoral, Fernando Abraldes.

Pola súa parte, o edil de Medio Ambiente, Víctor Reiriz, reiterou o compromiso ambiental do Concello de Ribeira e agradeceu a implicación desinteresada da poboación a este respecto.
“Recentemente tivemos a alumnado do IES Nº1 limpando Coroso e agora continuamos co labor con esta actividade que pretende retirar o lixo, principalmente, despois das mareas polo inverno. E, unha vez máis, contaremos coa colaboración de Urbaser.”

Deja un comentario