Solicita da Deputación a súa creación, así como a xestión e administración para maior facilidade e rapidez na pestación de servizos
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes acordou no pleno solicitar á Deputación da Coruña a creación da súa sede electrónica, así como a súa xestión e administración. Un servizo que se traducirá nunha maior rapidez e simplicidade na xestión de servizos administrativos, ademais de facilitarlles aos veciños ou veciñas o acceso ao ente supramunicipal. Entre outras materias poderán acceder a servizos como a presentación telemática de solicitudes, a formulación de suxestións e queixas ou a publicación electrónica de actos e comunicacións no taboleiro de anuncios ou edictos, entre outros.
Os representantes dos concellos de Ordes, Mesía, Trazo, Tordoia, Oroso, Frades e Cerceda tamén apostaron pola continuidade da promoción e o uso da lingua galega na súa comarca, labor impulsado e levado a cabo principalmente dende o Servizo de Normalización Lingüística (SNL). Con tal fin solicitarase unha subvención á Xunta de Galicia. Outra achega económica demandada ao Goberno Autonómico corresponde ao programa ‘Deseñando o teu futuro’. Impulsado dende a Consellería de Política Social o proxecto vai dirixido a mozos e mozas entre os 14 e os 18 anos para que realicen visitas ou prácticas formativas non remuneradas nos distintos sectores das empresas ou entidades públicas ou privadas radicadas en Galicia. Os obxectivos máis inmediatos pasan pola adquisición de competencias, habilidades e cualificacións que complementen o desenvolvemento profesional e persoal. A contía neste caso ascende a un total de 5.700 €.
No pleno que tivo lugar onte tamén se deu conta da concesión de distintas subvencións solicitadas anteriormente para distintos servizos e programas. Este é o caso de Atención Temperá, cunha dotación de case 20.000 €. Tamén se outorgaron outros 3.000 € para a realización dunha campaña de promoción turística destinada a promover e dar a coñecer audiovisualmente os valores culturais, paisaxísticos, arquitectónicos, culinarios etc da Mancomunidade de Ordes. Un traballo que, segundo o previsto, se difundirá en distintas plataformas e espazos como feiras, congresos ou citas promocionais. A mesma cantidade concedeuse para a sinalización turística dos municipios da Mancomunidade, ademais doutros 10.800 € de cara á elaboración dun catálogo de oficios e prácticas artesanais da comarca e para a organización dunha mostra e diversos obradoiros.