• A actividade, de carácter gratuíto, terá lugar o xoves 21 de maio ás 19.30 h no andar -1 do Pazo da Cultura
• O obxectivo é ofrecer as claves técnicas e artísticas para entender as obras premiadas nesta 28.ª edición, que reuniu máis de un cento de traballos
Tras a gran acollida da entrega de premios da 28.ª edición do Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís, o Concello de Carballo quere ofrecer á cidadanía unha oportunidade única para profundar na linguaxe fotográfica. O vindeiro xoves 21 de maio, ás 19.30 h, o recoñecido experto e membro do xurado, Ángel Cordero, ofrecerá unha visita guiada pola exposición que recolle as obras máis destacadas do concurso.
A exposición, situada no andar -1 do Pazo da Cultura, conta con pezas de gran calidade técnica e narrativa. Porén, o Concello busca que o público vaia máis alá da simple observación. A través do percorrido guiado por Ángel Cordero, os asistentes poderán descubrir por que certas imaxes resultaron gañadoras, analizando elementos como a composición, o uso da luz, a intención comunicativa e a técnica empregada polos artistas.
A visita deterase especialmente nas obras galardoadas este ano: dende a estética contemporánea da Gasolinera en Armagossa de Xavier Ferrer Chust (1º premio), ata o simbolismo e a carga social presentes en Amencer de José Manuel Pérez Pena (2º premio), La ansiedad de Dmytro Yaroshevskyi (Premio Especial Carballo) ou o retrato Roxanne de Miguel Ángel Vijande Cea (accésit).
Esta actividade, incluída no ciclo A través da lente, está aberta tanto a fotógrafos afeccionados que queiran mellorar a súa técnica como a calquera veciño ou veciña con curiosidade por entender mellor a arte contemporánea. A visita guiada é de entrada libre e non require inscrición previa.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.