• Os populares denuncian que a falta de pagos do Concello obrigou á comisión organizadora a renunciar ás festas de 2026
• Rafael Rivadulla pide explicacións e dimisións pola “grave falta de compromiso” coas festas patronais de Arzúa
O Partido Popular de Arzúa denunciou hoxe a “situación límite” á que o goberno tripartito levou ás Festas na Honra da Virxe do Carme, festas patronais da vila que se deberían celebrar en menos de dous meses, despois de que a comisión organizadora decidise renunciar á organización da edición de 2026 ante a débeda acumulada por parte do Concello.
Os populares consideran que esta situación é consecuencia directa da “parálise administrativa”, da “falta de xestión” e da “absoluta incapacidade” do goberno local para cumprir cos seus compromisos económicos, incluso con entidades e colectivos que levan anos sostendo actividades fundamentais para Arzúa.
Segundo explica o PP, a comisión organizadora dos últimos anos leva tempo sen recibir o total da subvención nominativa anual de 19.000 / 20.000 euros comprometida polo Concello, acumulándose pagos de máis dunha anualidade.
Ante esta situación, e co risco de seguir asumindo gastos sen garantías de pagamento, a comisión decidiu hai semanas non organizar as festas do próximo ano e liberar incluso as orquestras coas que existían precontratos, ante a incerteza económica provocada polo propio Concello.
O portavoz popular, Rafael Rivadulla, lamentou que “o abandono do Concello chegue xa a afectar ás propias festas patronais de Arzúa, algo absolutamente impensable hai uns anos”.
“Estamos diante dun goberno incapaz de pagar as súas obrigas, incapaz de planificar e incapaz de entender o valor social, económico e cultural que teñen as Festas do Carme para Arzúa”, afirmou.
Rivadulla sinalou tamén que “os veciños pagan as consecuencias dun tripartito máis preocupado polas súas leas internas, polos debates ideolóxicos e pola propaganda que pola xestión diaria do Concello”.
O PP considera especialmente grave que unha comisión de festas teña que asumir persoalmente riscos económicos derivados da falta de pagamentos municipais, algo que cualifican de “irresponsabilidade absoluta”.
“Non se pode pedir compromiso aos veciños e ás comisións mentres o Concello incumpre sistematicamente os seus compromisos económicos. É unha falta total de sensibilidade e de respecto cara ás persoas que traballan de maneira desinteresada por Arzúa”, engadiu o portavoz popular.
Os populares esixen ao alcalde e ao concelleiro de Cultura que “asuman inmediatamente a situación”, dimitan ou busquen unha solución urxente para garantir a celebración das festas e dean explicacións públicas sobre os motivos polos que o Concello acumula débedas e atrasos a distintas entidades sociais arzuás.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.