Tuesday 19 de May de 2026

Carballo mobiliza máis de 230.000 euros para blindar as axudas sociais e impulsar o deporte local e inclusivo


• A Xunta de Goberno Local aproba un paquete económico que inclúe novas axudas directas de 200 euros para combater a pobreza enerxética en fogares vulnerables

• O tecido deportivo de base e de competición recibirá un forte impulso con 194.000 euros en subvencións, aos que se suman 6.000 euros para o campamento estival adaptado da A.D. Un Paso Máis

O Concello de Carballo reforza o seu dobre compromiso co benestar das familias máis vulnerables e coa dinamización do tecido asociativo local. A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria de hoxe, deu luz verde a distintas liñas de subvencións sociais e deportivas que inxectarán un total de 230.000 euros de financiamento municipal directo no municipio durante este ano 2026.

Por unha banda, cun orzamento global de 30.000 euros, o goberno municipal aprobou as bases das axudas destinadas a mitigar o impacto da inflación e o encarecemento da enerxía. Trátase de achegas directas de 200 euros nun pago único para axudar ás familias en risco de exclusión a facer fronte ás subministracións básicas do fogar.

A convocatoria, que se resolverá por orde de entrada, vai dirixida a persoas maiores de idade empadroadas en Carballo como mínimo durante os últimos seis meses e que cumpran algún destes requisitos específicos:
• Ser titulares do contrato eléctrico e beneficiarias do Bono Social Eléctrico.
• Fogares onde algún dos conviventes reciba tratamentos de osixenoterapia ou diálise peritoneal domiciliaria (acreditando un consumo mínimo mensual de 20 euros).

As solicitudes poderán presentarse de xeito presencial ou telemático a través da Sede Electrónica nos 15 días naturais seguintes á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
Esta medida pretende dar resposta ao incremento dos custos enerxéticos e ás situacións de pobreza enerxética que afectan especialmente aos fogares con menores ingresos, persoas maiores e familias vulnerables. Ademais, enmárcase nos obxectivos de cohesión social e protección do benestar da cidadanía.

Na mesma sesión aprobouse o convenio de colaboración coa Agrupación Deportiva Un Paso Máis para poñer en marcha o programa Espazo de verán máis que deporte. O Concello achegará un 50% do custo total de proxecto, ata un máximo de 6.000 euros, para financiar actividades físico-deportivas adaptadas durante as vacacións estivais. Esta medida busca garantir o dereito ao ocio e o acceso universal á práctica deportiva dos nenos e nenas con diversidade funcional do municipio.

Por último, a Xunta de Goberno Local validou o groso das subvencións deportivas para o exercicio 2026, que se distribuirán en réxime de concorrencia competitiva entre as entidades sen ánimo de lucro de Carballo. A partida máis importante vai destinada a garantir a actividade diaria dos clubs:
• 165.000 euros para proxectos de actividade deportiva xeral das entidades locais.
• 16.000 euros para apoiar a organización e participación en fases de ascenso a competicións nacionais e campionatos de España.
• 13.000 euros para a celebración de eventos deportivos de carácter extraordinario.

Con este paquete de medidas, o Concello de Carballo reforza tanto o apoio ás familias máis vulnerables como o investimento no deporte de base, inclusivo e asociativo, consolidando as políticas municipais de benestar social e promoción da actividade física.

Deja un comentario