Tuesday 19 de May de 2026

Carballo, Arteixo e A Laracha alíanse para impulsar ‘Cognix’, un pioneiro programa de intelixencia artificial para optimizar as opcións de investimento municipal


• Os tres concellos presentarán unha candidatura conxunta á Iniciativa Urbana Europea para captar dous millóns de euros de financiamento

• O obxectivo é analizar o comportamento da poboación no uso dos servizos e espazos públicos para adaptar as inversións ás necesidades reais da veciñanza, con especial atención á inclusión e á neurodiverxencia

Os concellos de Carballo, Arteixo e A Laracha suman forzas para situarse na vangarda da xestión pública grazas ás novas tecnoloxías. Os tres municipios colaborarán no desenvolvemento do proxecto Cognix, unha ambiciosa plataforma de intelixencia artificial (IA) que presentarán de forma conxunta á convocatoria da Iniciativa Urbana Europea, un programa dependente directamente da Comisión Europea.

Para perfilar os detalles desta candidatura, o noso concelleiro de Captación de Recursos Públicos, Daniel Barreiro, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo en Arteixo co alcalde de devandita localidade, Carlos Calvelo, e co concelleiro da Laracha Pablo Cambón. Os tres municipios solicitarán unha achega de dous millóns de euros, que financiaría integramente o desenvolvemento deste novo programa.

O eixe central de Cognix reside no uso da análise de datos masivos (big data) e da intelixencia artificial para transformar a xestión local. A plataforma recollerá datos abertos e dispoñibles en redes sociais e dispositivos electrónicos para monitorizar, de forma totalmente anónima e agregada, as necesidades e comportamentos da poboación nos espazos públicos.

A gran innovación do proxecto é que permitirá estratificar a poboación en diferentes segmentos (infancia, mocidade, persoas maiores, persoas neurodiverxentes ou con necesidades específicas de accesibilidade) para saber que espazos —como parques, centros sociais ou liñas de transporte— utilizan máis e como o fan.

Esta información reverterá directamente na cidadanía a través de dúas vías:

1. Investimentos eficientes: o Concello poderá dirixir os seus cartos cara a onde sexa máis necesario. Por exemplo, se os datos indican que un parque infantil é empregado maioritariamente por nenos e nenas de 0 a 3 anos, os servizos dese espazo reforzaranse e adaptaranse especificamente a esa franxa de idade.

2. Unha aplicación personalizada: a veciñanza contará cunha ferramenta dixital para consultar que servizos e espazos do municipio se adaptan mellor ás súas características. Así, unha persoa con mobilidade reducida poderá saber ao instante que contornas están mellor adaptadas á súa situación.

Cun modelo que entende e escoita o territorio, Carballo, Arteixo e A Laracha converteranse nos primeiros municipios galegos en operar baixo unha gobernanza urbana cognitiva. Para o noso concello, isto supón dotar os servizos municipais de capacidade preditiva e de apoio estratéxico á hora de tomar decisións a longo prazo.

Beneficios directos para os veciños e veciñas

O valor de ‘Cognix’ irase despregando de forma progresiva en diferentes eidos do día a día dos carballeses e carballesas, cos seguintes puntos fortes:
• Melloras na mobilidade: redución da conxestión de tráfico e optimización das rutas.
• Información en tempo real: consulta de capacidades e tempos de espera nos servizos públicos.
• Inclusión real: por primeira vez, o deseño do espazo público pensará estruturalmente en persoas que moitas veces se autoexclúen por mor da hipersensibilidade sensorial ou a neurodiverxencia, ofrecéndolles contidos e rutas adaptadas ao seu ritmo cognitivo.
• Sostibilidade: protección activa das contornas naturais e patrimoniais.

Impulso ao tecido económico local

O proxecto tamén abre unha xanela de oportunidade para o comercio, a hostalaría e o sector cultural de Carballo. Os establecementos locais poderán sumarse á plataforma de xeito totalmente voluntario —a través de axentes coma as asociacións de comerciantes e empresarios— para acceder a información agregada da súa contorna, recibir formación de balde en “hospitalidade inclusiva” e atraer un fluxo de clientes que se axuste perfectamente ao tipo de negocio que ofrecen.

Con esta alianza, Carballo avanza cara a un modelo de “co-creación” onde a administración, o sector produtivo e a cidadanía colaboran estreitamente para construír un municipio máis intelixente, accesible e integrador.

Deja un comentario