Os itinerarios forman parte do programa Éfeso, que conta coa cofinanciación do Fondo Social Europeo Plus
O Concello ten aberto o proceso de inscrición dos próximos itinerarios formativos gratuítos dirixidos a persoas desempregadas, no marco do proxecto Éfeso Coruña, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), e que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas participantes a través da formación práctica e certificada en sectores con alta demanda.
Os itinerarios anunciados inclúen:
– Actividades auxiliares de almacén (Certificado Profesional Nivel 1). Do 16 de xuño ao 4 de setembro. Duración total: 289 horas.
– Actividades auxiliares de comercio (Certificado Profesional Nivel 1). Do 9 de xuño ao 16 de setembro. Duración total: 349 horas.
– Carnicería e charcutería. Do 22 de maio ao 5 de agosto. Duración total: 264 horas.
– Técnicas de limpeza e desinfección hospitalaria. Do 10 de xuño ao 29 de xullo.
Duración total: 174 horas.
“Desde o Goberno de Inés Rey cremos firmemente na integración no mercado laboral de todos os sectores da poboación, sen importar a idade ou a condición socioeconómica.
Proxectos como Éfeso fan posible para centos de persoas reorientar as súas carreiras e mellorar as súas condicións de vida”, apuntou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, quen lembrou que estes cursos suman máis de 800 horas de formación totalmemte gratuíta para facilitar a inserción laboral.
As persoas interesadas en participar —o prazo xa está habilitado— deberán solicitar información a través do enderezo de correo efesocoruna@coruna.gal ou do teléfono do Servizo Municipal de Emprego, 981 18 43 99.
O programa Éfeso, que deu continuidade á iniciativa municipal Coruña Suma —que acadou a inserción laboral de 1.130 persoas—, ten un orzamento total de máis de 3 millóns de euros, cunha achega municipal que supera o millón de euros e un cofinanciamento do Fondo Social Europeo Plus do 60% do custo total do proxecto. Éfeso ofrece formación con certificado profesional e prácticas en empresas da Coruña, en sectores profesionais como: atención sociosanitaria en institucións sociais, auxiliar de almacén, auxiliar de comercio, administración e xestión, hostalería e turismo, carnicería, peixaría e servizos auxiliares de salón de peiteado, entre outros.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.