A programación de dinamización da praza continúa este mércores 20 cun taller de recuperación de plantas en mal estado que xa esgotou todas as prazas dispoñibles
O Plan de dinamización do mercado municipal, impulsado polo Concello de Carballo e a asociación A Praza, segue a colleitar excelentes resultados na súa programación de primavera. Os agardados obradoiros de arranxos florais, que se desenvolveron a semana pasada na Sala Cervantes, pecharon as súas portas cun balance inmellorable e completando o cen por cen da súa capacidade.
En total, 40 persoas, organizadas en catro quendas formativas, tiveron a oportunidade de mergullarse no mundo do deseño floral. Da man de Esther Capelet, recoñecida florista do propio mercado municipal, o alumnado —100% feminino e composto tanto por integrantes do programa MercaEscola como por público xeral— aprendeu as nocións e técnicas básicas para elaborar centros e composicións profesionais utilizando as flores e verdes máis frescos da praza.
A última destas sesións contou ademais cunha visita moi especial, xa que o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, achegouse ata a Sala Cervantes para comprobar de primeira man o desenvolvemento do plan e mostrouse moi interesado en sumarse á iniciativa nunha próxima edición.
As imaxes que acompañan esta nova reflicten o coidado, a dedicación e o alto nivel dos traballos realizados polos participantes, que aprenderon a dar vida a vistosos centros de flores.
Sen tempo para o descanso, a actividade formativa e de concienciación ambiental retornará ao mercado este vindeiro mércores 20 de maio, ás 17.00 horas. Nesta ocasión, o foco trasladarase da estética floral ao coidado botánico co obradoiro práctico de recuperación de plantas en mal estado.
A actividade será impartida pola enxeñeira técnica agrícola Carmen Alonso, que ofrecerá consellos clave, diagnósticos e solucións para devolverlles a vitalidade e a saúde a aquelas especies domésticas que estean murchas ou deterioradas.
Mostra do grande interese que está a espertar o Plan de dinamización entre a veciñanza é que, a varios días da súa celebración, este taller xa ten as súas prazas totalmente esgotadas.
Desde o Concello de Carballo e a asociación A Praza queremos agradecer a fantástica acollida que están a ter estas propostas, deseñadas non só para ofrecer alternativas de lecer e aprendizaxe útil, senón tamén para visibilizar o mercado como un espazo vivo, dinamizador da economía local e punto de encontro de referencia para toda a comunidade.
Lembrámoche as próximas actividades:
Mes de maio
• Luns 18 (17.00 h): Sesión de mindfulness impartida por Teresa Vilanova (Aqí&Agora) dentro do programa MercaEscola.
• Mércores 20 (17.00 h): Taller teórico-práctico de recuperación de plantas en mal estado. Prazas limitadas con inscrición en carballo.gal.
• Sábado 30, Día do Mercado. A praza de Carballo súmase á campaña galega Quere o teu mercado.
Mes de xuño
• Xoves 18: Degustación de petiscos de San Xoán, elaborados con produtos típicos da época. Repartiranse vales coas compras realizadas nos postos.
• Venres 19: Sorteo dunha cesta con produtos dos postos do mercado (un boleto con cada compra).
Mes de xullo
• Campaña de prevención: Inicio dunha campaña informativa e de prevención do cancro de pel, en colaboración coa Xunta Local da AECC, que tamén ten a súa sede no mercado. Durante todo o mes, con cada compra entregarase unha tarxeta tipo “rasca” para gañar gorras, mochilas isotérmicas, discos voadores ou papaventos (ata fin de existencias).
Mes de agosto
• Experiencias de maridaxe: Catas de diversas bebidas acompañadas de pinchos elaborados con produtos da praza de abastos. As datas concretas están aínda pendentes de fixar.
Actividades Permanentes
• Tarxeta de fidelización: Continúa activa a tarxeta de fidelizazión para participar nun gran sorteo a finais do ano. Os premios consisten en vales de compra para gastar nos distintos postos do mercado por importe de 700 euros (1º premio), 420 euros (2º premio) e 280 euros (3º premio.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.