Sunday 17 de May de 2026

Paderne festexa o Día das Letras Galegas con música e un gran nivel na terceira edición do seu concurso de relatos


§ “Gustaríame comezar este día agradecéndovos o compromiso con Paderne, co noso idioma e coa literatura”, deu a benvida á xornada o alcalde, Sergio Platas.

§ Na categoría xuvenil, resultou gañadora a obra ‘A Bandeira’ de Daniel Izan Vázquez Vilasuso, namentres que na categoría xeral fíxose co premio Rocío Cal Gómez coa obra ‘Baixo o nome das pedras.

§ Repartíronse libros entre a veciñanza que asistiu a un acto que acolleu a praza do Campo da Escola en Insua, Viñas.

Paderne exaltou hoxe un dos días máis importantes de todo o ano para Galicia, o Día das Letras Galegas. Fíxoo cunha programación que contemplou música, un gran nivel literario e un ágape de cortesía.

“Gustaríame comezar este día agradecéndovos o compromiso con Paderne, co noso idioma e coa literatura”, deu a benvida á xornada o alcalde, Sergio Platas. “Enorgulléceme ver como por terceiro ano consecutivo mantedes vivo o Certame de Relato Corto, cun nivel altísimo tanto de participación como de calidade literaria”, afirmou o rexedor.

O día comezou coas actuacións da UNED Sénior e Alba de Vales, co seu espectáculo ‘Contos arredor de nós’. Repartíronse libros entre as veciñas e veciñas asistentes, máis dun centenar.

Gañadores do III Certame de Relato Corto

O Concello de Paderne convocou por terceiro ano consecutivo o Certame de Relato Corto, coa vila como protagonista en cada unha das creacións presentadas, ben porque se trataran de historias reais que tiveron lugar no municipio, ben porque fosen o escenario no que se desenvolve unha narrativa de ficción. Ademais, para que os relatos puidesen ser valorados, tiñan que estar escritos en lingua galega.

Na categoría xuvenil, resultou gañadora a obra ‘A Bandeira’ de Daniel Izan Vázquez Vilasuso, namentres que na categoría xeral fíxose co premio Rocío Cal Gómez coa obra ‘Baixo o nome das pedras. A calidade da escritura, o emprego de técnicas literarias e a orixinalidade foron algúns dos elementos que se tiveron en conta á hora de puntuar os relatos.

O premio para a categoría xeral consta na publicación do relato nunha obra coa recompilación dos traballos presentados, un lote de 30 exemplares da mesma, unha cesta de produtos típicos e un premio económico de 400 euros.

No caso da categoría xuvenil, o galardón trátase da publicación do relato nunha obra coa recompilación dos traballos presentados, un lote de 30 exemplares da mesma, unha cesta de produtos típicos da zona e unha tablet.

Deja un comentario