Saturday 16 de November de 2024

A Xunta destaca que o programa Leader achegará 84 millóns de euros ata 2020 para construír o rural galego de mañá


O vicepresidente e a conselleira do Medio Rural participaron en Silleda na presentación do Programa Leader 2014-2020

A Xunta de Galicia puxo en valor hoxe que o Programa Leader 2014-2020 dotará a Galicia con 84 millóns de euros para construír o rural galego de mañá a través de proxectos concretos xestionados polos axentes que están sobre o terreo, en concreto, 24 Grupos de Desenvolvemento Rural, con socios públicos e privados.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe xunto coa conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, na presentación do programa Leader 2014-2020 no recinto da Semana Verde de Silleda.

Rueda subliñou a posta do Goberno galego polo rural a través da reactivación demográfica e da dinamización económica baseada no emprendemento, a innovación e a internacionalización e puxo de relevo varias iniciativas como o programa de impostos cero que complementa ao programa de axudas á incorporación da mocidade, ao facilitar as posibilidades de traspasos de explotacións e terras cara estes novos agricultores e gandeiros.

Ademais, o vicepresidente destacou a aposta pola diversificación da actividade económica a través de dúas liñas de axudas: unha dotada con 3,5 millóns de euros para crear pequenas empresas non agrícolas en zonas rurais e outra dotada con 1,4 millóns para a apertura de 20 espazos de emprendemento comercial no rural

Rueda incidiu na necesidade de facer equiparable a dotación, por exemplo de infraestruturas tecnolóxicas. Con este obxectivo, o Plan de Banda Larga desenvolvido nestes últimos anos permitiu estender a cobertura de 2 megas ao 98% da poboación: 700.000 habitantes que no ano 2009 non tiñan este acceso. E coa segunda fase do Plan, aprobada a finais do ano pasado, o obxectivo é que en 2020 o 96% da cidadanía galega conte con acceso a redes de ata 30 megas.

Pero por moito que as institucións doten ao rural con novas vantaxes fiscais ou axudas económicas, as grandes solucións para o rural galego teñen que vir desde o propio rural. Nese sentido, Rueda puxo en valor o propio recinto da Semana Verde de Silleda, nacido dun grupo de agricultores e gandeiros e convertido na plataforma fundamental de modernización do noso agro nas últimas décadas.

Logo da presentación de hoxe, constituiranse os 24 Grupos de Desenvolvemento Rural para comezar coa súa actividade, xa que serán os encargados de concretar o uso de ata 84 millóns de euros para construír o rural galego de mañá. Segundo subliñou o vicepresidente, con este mecanismo, implicando directamente a todos os axentes, públicos e privados e aos distintos niveis de goberno, queda claro que o futuro do rural é un obxectivo de todos e un reto que debe involucrarnos a todos.

Mellorar as condicións de vida no medio rural
Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou que o plan Leader ten como fin último o de “mellorar as condicións de vida no medio rural” e puxo en valor o seu enfoque “abaixo-arriba”, promovendo a participación, de forma que “a poboación do rural define en que contorno quere vivir e cales son as políticas que se deben levar a cabo para acadalo”.

Ángeles Vázquez salientou ademais que os concellos “deben ser claves” na dinamización das propias entidades privadas que impulsan o Leader e no propio desenvolvemento do programa, “tanto como promotores de proxectos que incidan na mellora da calidade de vida dos seus veciños como sendo unha parte importante do conxunto para aglutinar a sociedade civil arredor dunha estratexia comarcal”.

A titular de Medio Rural fixo fincapé nas grandes cifras deste Leader 2014-2020, en especial os 84 millóns de euros orzamentados no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia, que -dixo- supoñen a quinta medida en presuposto do PDR, con máis do 7 por cento do total. E lembrou que o anterior programa (2007-2013) executou no rural galego unha contía total de 91,7 millóns de euros, que supuxeron un investimento inducido de 226 millóns. Estes fondos permitiron que se consolidaran un total de 4.949 postos de traballo e que se crearan 957 novos empregos.

Obxectivos concretos do programa
O Leader para o período 2014-2020 en Galicia ten como obxectivos mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural; mellorar ou implementar servizos para a poboación nas zonas rurais, favorecendo a mellora do nivel de vida da poboación, a inclusión social e a redución da pobreza.

O Programa Leader tamén busca favorecer a ocupación sostible do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, os mozos/as, as persoas con discapacidade ou as persoas maiores; garantir a sostibilidade da actividade no medio rural, mediante un coidado e utilización adecuada dos recursos naturais; así como potenciar a gobernanza local e a animación social do territorio e contribuír á concienciación e ao fomento da necesidade de pasar a unha economía baixa en carbono e capaz de adaptarse ao cambio climático, fomentando a utilización de enerxías renovables e a mellora da eficiencia enerxética.

Dentro das iniciativas subvencionadas, existen proxectos produtivos (orientados á xeración de emprego e riqueza) e non produtivos (que perseguen a dotación de servizos e equipamentos.