Sunday 17 de May de 2026

O Padroado abre este luns o prazo de solicitude de instalacións deportivas de Narón para a temporada 2026/2027


O Padroado de Deportes de Narón abre este luns, 18 de maio, o prazo para que clubs e entidades deportivas poidan solicitar o uso das instalacións municipais de cara á próxima temporada 2026/2027. O período de solicitude estará aberto ata o 17 de xuño.

As solicitudes, que servirán para cubrir tanto adestramentos como partidos oficiais, deberán presentarse a través da sede electrónica municipal, cunha solicitude independente por cada instalación que se pretenda utilizar. O inicio do uso das instalacións adxudicadas está previsto para o mes de setembro, aínda que a data exacta de comezo poderá variar en cada caso segundo a dispoñibilidade.

As instalacións incluídas no proceso son o complexo polideportivo municipal da Gándara, os pavillóns das Lagoas, do Campo da Serra, da Solaina, de Piñeiros, de Castro, da Mocidade, de Sedes e do Val, o ximnasio do CPM da Gándara, o Estadio de Río Seco, os campos de herba artificial do Val e do Cadaval, o campo de fútbol de San Mateo, as pistas de atletismo e outras instalacións deportivas municipais.

Os clubs ou entidades que manteñan un convenio co Concello de Narón tamén deberán presentar a súa solicitude dentro deste prazo. Poderán pedir os mesmos horarios que tiñan na temporada 2025/2026 ou solicitar cambios.

Os impresos necesarios para formalizar a solicitude están dispoñibles en: https://deportes.naron.gal/web/docs/Solicitude-instalacions-deportivas.pdf

Deja un comentario