Saturday 16 de May de 2026

A Xunta prepara novas actuacións de mellora no Centro Público Integrado Castro Baxoi, en Miño


— O secretario xeral técnico da Consellería de Educación explica no Parlamento que a substitución da cuberta do patio está prevista na programación de obras

— A intervención, segundo as primeiras estimacións, elevaría a máis de 400.000€ o investimento do Goberno galego en obras neste centro nos últimos anos

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, explicou hoxe no Parlamento que a Xunta está a preparar novas actuacións de mellora no Centro Público Integrado Castro Baxoi, na localidade coruñesa de Miño. En concreto, sinalou que a substitución da cuberta do patio deste centro está prevista dentro da programación do Plan de nova arquitectura pedagóxica para o período actual, vixente ata 2028.
O departamento educativo do Goberno galego conta cunha memoria valorada da actuación, que constitúe o primeiro paso necesario para iniciar a tramitación do proxecto, que está xa redactada e pendente da correspondente supervisión técnica.
Esta intervención, segundo as primeiras estimacións, elevaría a máis de 400.000€ o investimento do Goberno galego en obras neste centro nos últimos anos. Entre as actuacións xa rematadas, o representante da Consellería de Educación destacou a adecuación de espazos para novas aulas de desdobre, o acondicionamento dun novo comedor, a adecuación dun local de usos múltiples e outras diversas reformas.
O secretario xeral técnico incidiu en que as obras que executa a Xunta se planifican sempre en base ao traballo das unidades técnicas provinciais, que avalían e priorizan as necesidades dos centros en función de criterios obxectivos.

O representante da Xunta recordou que neste tipo de centros as actuacións ordinarias de mantemento e conservación corresponden aos concellos. “Isto é relevante porque, cando as tarefas ordinarias de mantemento non se realizan adecuadamente, pequenas incidencias acaban converténdose en problemas de maior entidade, moito máis custosos e complexos de resolver”, dixo. Así mesmo incidiu na necesidade de que o Goberno central elabore un Plan nacional de mellora de infraestruturas educativas para intensificar este tipo de obras e de que atenda a petición do Parlamento de Galicia de baixar ao tipo reducido do 10% o IVE das obras educativas.

Deja un comentario