Saturday 16 de May de 2026

O PP de Culleredo denuncia atrasos nas rozas e esixe máis control municipal ante as queixas veciñais


• Os populares piden saber que traballos realizáronse, en que zonas, en que datas e se a empresa adxudicataria está a cumprir o contrato
• Izaskun García: “Non basta con adxudicar un contrato. O Concello ten que vixiar que se cumpra e dar resposta aos veciños”

O Partido Popular de Culleredo esixe ao goberno local información detallada sobre a execución do contrato de roza e limpeza de cunetas, marxes de vías e terreos municipais, ante as queixas veciñais recibidas polos atrasos detectados en distintas zonas do concello.
Os populares lembran que o prego establece un primeiro período de curta entre o 1 de abril e o 30 de maio. Con todo, a poucos días de finalizar o prazo, aínda non se actuou en numerosos puntos de parroquias como Celas, Rutis ou Almeiras, mentres a maleza segue acumulándose e invadindo beiravías e cunetas de estradas, chegando mesmo a tapar sinais de tráfico nalgunhas zonas. “O que queremos saber é moi sinxelo: que se rozou, que queda pendente e quen está a controlar que o contrato se cumpra”, afirma a portavoz popular, Izaskun García.
Por iso, o PP solicita a relación detallada de camiños, parcelas e zonas nas que se executaron traballos durante esta primeira fase, con indicación das datas de actuación, así como copia do plan aprobado polo Concello e dos informes mensuais remitidos pola empresa adxudicataria. Ademais, reclama que se identifique aos responsables municipais da dirección, inspección e control do contrato, e que se informe sobre o grao de cumprimento do servizo e sobre a posible apertura de expedientes ou apercibimentos.
Os populares poñen tamén o foco na xestión das demandas veciñais. O prego prevé que as queixas se canalicen mediante unha aplicación web de xestión do servizo e que exista un interlocutor por parte da empresa adxudicataria encargado de facer seguimento das peticións. Por iso, o PP pregunta se esa aplicación está operativa, quen a supervisa e onde queda rexistrada a resposta aos veciños.
“Se hai un contrato, ten que haber control. E se hai queixas veciñais, teñen que atenderse. O que non pode facer o goberno local é deixar que pasen as semanas mentres a maleza segue crecendo e ninguén explica nada”, sinala García, para quen as rozas son un servizo básico para a limpeza, a seguridade viaria e a prevención de incendios, especialmente nas zonas rurais: “Non se pode funcionar sempre a golpe de queixa. Culleredo necesita planificación, seguimento e un goberno que estea encima dos servizos públicos para que as cousas funcionen cando teñen que funcionar”.

Deja un comentario