A comisión de festas de San Xoán continúa debullando a programación das celebracións patronais. Tras o anuncio de artistas como Baiuca, e de grandes orquestras como Panorama City, Compostela, Los Satélites e La Última Legió, hoxe confirma dúas novas citas musicais que prometen converter a Praza do Concello nun fervedoiro de ritmo e emoción: o fenómeno arxentino Ráfaga e o grupo SonBolero.
O venres 26 de xuño, a partir das 01:30 h, o escenario do Rego da Balsa converterase nunha auténtica pista de baile coa chegada de Ráfaga. A banda arxentina, que dende a súa formación en 1994 se converteu nun referente interxeracional, chega a Carballo nun momento de plenitude tras recuperar ao seu vocalista histórico, Ariel Puchetta.
Cunha traxectoria que suma máis de dúas décadas de éxitos —dende aquel primeiro disco Soplando Fuerte ata himnos coreados en medio mundo como Mentirosa ou La luna y tú—, Ráfaga promete un concerto cargado de enerxía, mans arriba e coreografías improvisadas. O público carballés poderá gozar dun directo que mantén a esencia estética e o son emocional que os fixo grandes, demostrando por que son os reis indiscutibles da cumbia festiva.
SonBolero: a banda sonora do día do pregón
Pero a música non agardará ao fin de semana, senón que arrancará con elegancia o luns 22 de xuño, día do pregón. SonBolero ofrecerá un espectáculo próximo e cheo de ritmo que promete non deixar a ninguén sentado. Este cuarteto, integrado por piano, contrabaixo e dúas voces que tamén asumen a percusión, destaca pola súa firme aposta por manter a orixinalidade e a pureza dos estilos latinos.
O seu repertorio será unha auténtica viaxe polas mellores páxinas da música caribeña: dende a cadencia do bolero e o danzón, ata a enerxía do son cubano, a guaracha, o chachachá e a salsa. Unha proposta que mestura a distinción dun concerto de cámara coa forza dunha verbena tradicional onde o baile é o protagonista indiscutible.
Estas dúas confirmacións súmanse a unha variada oferta musical que este ano aposta pola diversidade de estilos. Coa imaxe do cartel creada pola artista local Isa Bermúdez como pano de fondo, o Concello de Carballo e a Asociación Cultural San Xoán, que integran a comisión organizadora, seguen traballando para que este San Xoán 2026 sexa unha celebración participativa e vibrante.
Nas vindeiras datas seguirase informando do resto da programación que completará a semana grande do 22 ao 28 de xuño.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.