Alén das bicicletas, os trails e as andainas, dos que viñemos falando os últimos días, San Sadurniño tamén será referencia comarcal e incluso galega polo volei praia. Si, polo volei praia. E é que o campo situado ao carón do Mesón A Granxa, acollerá desde dentro duns días e ata agosto o Rei da Granxa, un completo programa de actividades relacionadas co voleibol. O proxecto, de iniciativa privada local, está promovido por Marcos Blanco Couce, xogador do Aldebarán-Intasa, coa colaboración doutros membros do club. O obxectivo principal é consolidar a beira do río Xubia como un espazo de deporte, lecer e convivencia aberto tanto á veciñanza como a visitantes.
Segundo explica o propio Blanco Couce, a intención é do proxecto é que “a rapazada e as familias de San Sadurniño teñan un motivo para quedar no concello durante as tardes do verán e moverse xogando ao volei e facendo outras actividades relacionadas”.
A actividade non se fará esperar, xa que a primeira cita importante terá lugar na fin de semana 23 e 24 de maio, cando San Sadurniño se converterá nunha das paradas do Circuíto Galego de Volei Praia para as categorías Sénior e Sub-21. O sábado 23 disputarase a fase previa e o domingo 24 o cadro final, nun evento que xa ten as súas inscricións abertas a través deste formulario e que promete dous días de intensa competición e ambientazo á beira do Xubia.
Esta proba federada é só o comezo dunha temporada máis ambiciosa, xa que o recinto acollerá ao longo do verán un total de dez xornadas do Circuíto Galego de Volei Praia. Trátase dun fito relevante para a zona, xa que este circuíto, que abrangue categorías desde alevín ata sénior, tivo ata agora unha presenza case exclusiva no sur de Galicia. Deste xeito, o Rei da Granxa consegue atraer o deporte federado de alto nivel cara ao norte e cara ao interior da comarca.
Máis adiante, entre o 22 de xuño e o 28 de agosto o espazo acollerá adestramentos de luns a venres polas tardes, dirixidos a participantes de todas as idades e niveis. Ademais, do 20 ao 24 de xullo celebrarase o campus PRO WEEK, que vén sendo unha semana especial na que referentes estatais do volei praia compartirán experiencia e formación coas persoas asistentes.
O momento central da programación chegará os días 25 e 26 de xullo co evento Rei da Granxa 2026. Coincidindo coas celebracións do Día de Galicia, organizarase un torneo 3×3 aberto a todos os niveis. Para completar a experiencia deportiva, o recinto contará cunha zona gastronómica xestionada por Catering Ferrolterra, actuacións musicais ao vivo e diversas actividades complementarias. A organización lembra que a entrada para o público será totalmente libre e gratuíta.
Desde a organización tamén inciden en que as sesións de adestramento de luns a venres serán unha oportunidade única para que a mocidade -e a non tan mocidade que queira- practique un deporte tipicamente estival sen necesidade de desprazarse ata a costa.
Para máis información sobre os adestramentos ou o proceso de inscrición nas distintas actividades, as persoas interesadas poden contactar con Marcos Blanco Couce a través do teléfono 619 467 360 ou seguir as novidades no perfil de Instagram @rei.dagranxa.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.