O Pleno tamén aprobou hoxe a modificación puntual do PXOM que abre camiño á reordenación do ámbito, onde se prevé a creación de 85 vivendas protexidas e un aparcadoiro soterrado
Luz verde á modificación puntual do Plan xeral que permitirá acometer a ordenación do polígono M22, o parque da Agra, un paso fundamental para que a meirande parte desta superficie sexa destinada a usos públicos e isto abra camiño a unha das grandes demandas do barrio: a creación de máis áreas verdes.
Hoxe, o Pleno aprobou inicialmente a proposta elevada polo Goberno local, detallada máis polo miúdo polo voceiro do Executivo municipal, José Manuel Lage. Dos máis de 31.000 metros cadrados correspondentes ao polígono M22, 3.200 fronte á rúa Gregorio Hernández pasarán a ter a consideración de solo urbano consolidado, outros 4.600 correspóndense coa superficie do ARI do Camiño do Piñeiral e son 23.900 os que están incluídos no polígono do parque da Agra, sendo 18.500 metros cadrados os previstos para uso público.
“O 83% do polígono do parque da Agra quedará destinado a esta finalidade: usos públicos”, recalcou Lage, que abundou no impacto positivo que terá esta reordenación na Agra do Orzán. “Xeramos espazo para un parque de 16.000 metros cadrados de superficie qu,e pola súa situación e coa ordenación prevista, constituirá un miradoiro privilexiado á baía da Coruña”, precisou o edil, que tamén lembrou que as xestións previas do Goberno de Inés Rey posibilitaron a apertura de 4.000 metros cadrados de superficie no Observatorio, “que se verá incrementada con outros 12.000 ao materializarse o plan exposto hoxe no Pleno”.
Máis vivenda protexida e a previsión dun aparcadoiro soterrado
Neste sentido, a previsión do Concello é que esta modificación puntual do PXOM tamén posibilite a creación de 85 vivendas protexidas no ámbito. É dicir, un 40% das vivendas alí formuladas baseándose na remodelación do polígono e os usos das parcelas.
Ademais, a folla de ruta sobre a que traballa o Executivo local tamén inclúe dar resposta ás necesidades de estacionamento do barrio e a súa contorna. Por iso, tamén se estima unha posible dotación de 350 prazas nun aparcadoiro soterrado, así como outras 63 públicas en superficie.
Medallas ao Mérito Policial
Tamén esta mañá, o Pleno municipal aprobou a proposta elevada pola Comisión de Distincións co obxectivo de recoñecer a traxectoria exemplar dos efectivos da Policía Local e de institucións ou persoeiros que, sen ser integrantes do Corpo, si uniron méritos polos servizos prestados á cidadanía da Coruña.
Neste sentido, e co gallo da celebración da festividade da Policía Local, este ano está previsto concederlles a Medalla ao Mérito Policial, con distintivo vermello, a Darío González Calvo, Jorge Campos Varón, Antón Gabeiras Nieto, Rubén Moure Caamaño, Pablo Rodríguez Rodríguez e Juan Carlos Pérez Mouzo, todos eles efectivos do Corpo.
En paralelo, tamén se prevé outorgarlles a Medalla á Traxectoria Profesional, con distintivo azul, ao inspector Pablo Outeiral Cés e aos policías Manuel Aceña Liste, Juan José Castiñeiras Balsa, Marcial Cambón Castro e Enrique Lema Barca.
Ademais, e en base ao regulamento de honras e distincións da Policía Local, tamén se felicitará e distinguirá a Carlos Gómez Rodríguez (comisario principal e xefe provincial da Policía Nacional), Antonio Manuel Velasco Ruiz (comandante da agrupación de Tráfico da Garda Civil en Galicia), ao persoal do Helimer Galicia – Base Sar, a Regla Dávila Caballero (directora de área na Concellaría de Benestar Social, Participación e Igualdade), a Darío Pérez Bergantiños (xefe de departamento na Concellaría de Seguridade Cidadá e Interior) e a Álvaro Louro Ojea (vicepresidente da Asociación Española de Investigadores de Accidentes de Tráfico).
Primeiro paso para actualizar a Norma Zonal 8, de equipamentos
Noutra orde de asuntos, esta mañá tamén se aprobou provisionalmente o documento da modificación puntual do Plan xeral referente á Norma Zonal 8, a que regula as condicións de edificación e de usos aplicables ás parcelas de equipamento.
Tal e como detallou o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, un dos principais obxectivos desta medida “é actualizar o documento ás normas técnicas de planeamento da Administración autonómica, para facilitar a tramitación de posteriores modificacións” en equipamentos de titularidade pública, privada e universitaria.
Esta modificación chega tamén baseándose nas necesidades xurdidas con posterioridade á entrada en vigor do PXOM, coa intención de dar cumprimento á previsión dunha instalación deportiva para construír un campo de rugby en Elviña, a ampliación das instalacións en colexios como o de Novo Mesoiro e Eirís, e tamén a recualificación como espazo libre público dunha parcela situada na avenida do Metrosidero, fronte á Hípica.
Aprobado o estudo de detalle do IES Agra do Orzán e o complexo Agra I
Tamén este xoves, o Pleno aprobou definitivamente o estudo de detalle necesario para ordenar os volumes e concretar as condicións estéticas asociadas á ampliación do IES Agra do Orzán e o complexo polideportivo Agra I.
Entre outros aspectos destacados, a proposta inclúe unha edificabilidade total de máis de 10.500 metros cadrados, un volume de dúas alturas xunto ao ximnasio e a creación de 28 prazas de estacionamento.
A Coruña sumarase á rede Culture Action Europe (CAE)
Na orde do día do Pleno tamén destacou a incorporación do Concello á rede Culture Action Europe (CAE). Tal e como expuxo esta mañá o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, trátase da única rede intersectorial que representa a todos os subsectores da cultura: desde as artes escénicas, literatura, artes visuais, deseño e iniciativas multidisciplinares ata centros comunitarios e máis a través de 140 membros de 28 países.
Ademais, hoxe tamén se deu luz verde á adhesión do Concello ao convenio entre a Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEGAMP), concibido para mellorar os sistemas de recadación e garantir unha maior eficacia e axilidade fiscal.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.