Saturday 16 de May de 2026

O Club de Xubilados de Lousame retoma as andainas polo Camiño da Ría de Muros Noia


Abertas as inscricións na primeira etapa, Portobravo-Fontefría, que terá lugar o domingo 31 de maio

O Club de Xubilados de Lousame, en colaboración co Concello de Lousame, organiza unha serie de andainas polo Camiño a Santiago da Ría de Muros Noia. Unha viaxe aberta a toda a veciñanza de Lousame e da comarca que terá lugar ao longo de tres etapas que se desenvolverán os domingos 31 de maio e 7 e 14 de xuño.

O prezo por participar en calquera das tres etapas é de 5 euros, para custear o prezo do autobús para levar aos camiñantes do punto de encontro (a Praza Teodomiro Hidalgo de Lousame) ao punto de inicio da andaina e traelos de volta ao rematar. As inscricións para a primeira etapa están abertas no Club de Xubilados de Lousame, na páxina web www.bandoticket.com ou enviando un whatsapp ao 653 22 16 55.

O alcalde de Lousame, Esteban Ares García, e a concelleira de Deportes, Mariel Agrafojo, coincidiron en felicitar á Xunta Directiva do Club de Xubilados por esta nova iniciativa, “unha máis do completo programa de actividades que organizan ao longo do ano. Ademais, é unha actividade que pon en valor o Camiño da Ría de Muros Noia, que pasa polo noso concello, e ao mesmo tempo fomenta hábitos saudables e serve de punto de encontro social, polo que é moi recomendable”, sinala o alcalde lousamiá.

Pola súa banda, Francisco Avelino García e Isabel González, presidente e vicepresidenta do Club de Xubilados de Lousame, agradeceron ao Concello de Lousame a colaboración nestas andainas, guiadas polo técnico municipal de Deportes, Germán Romero, e o técnico municipal de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral. “Deixaramos un pouco aparcadas estas andainas por cuestión meteorolóxicas. Agora que vén o bo tempo queremos retomalas e convidamos non so aos asociados ao club senón a todos os veciños e veciñas a que se apunten e descubran connosco os atractivos desta ruta xacobea”, apunta Francisco Avelino García.

Percorridos

Despois de cubrir as primeiras etapas a finais de 2025 entre Porto do Son e Noia, e entre Muros e Noia, cunha media de preto de medio cento de participantes, o Club de Xubilados de Lousame viuse obrigado a suspender as tres seguintes debido ás malas condicións meteorolóxicas.

Agora, a primeira etapa terá lugar o 31 de maio, cun percorrido integramente por Lousame entre Portobravo e Fontefría, seguindo a beira do río Vilacoba ata San Xusto. “É a máis complexa das tres, cunha distancia de 13 km”, sinala Germán Romero, quen apunta que as características do terreo “obriga a que as persoas participantes veñan máis preparados. Non poden participar con zapatos nin con zapatillas deportivas que non estean adaptadas ao terreo, xa que poden causar esvaróns e non son recomendables”.

Salvo esa apreciación sobre o equipamento preciso, o percorrido discorre por unhas fermosas paisaxes dun bosque de ribeira perfectamente conservado ao longo de 10 km, algo que non se pode desfrutar en ningunha ruta xacobea nin en moitos lugares de Galicia.

A segunda etapa terá lugar o domingo 7 de xuño, entre Fontefría e Bertamiráns. “É a etapa máis sinxela porque é chan ou con pendente descendente na súa maioría e xa se pode levar calzado normal porque vai por pistas forestais e asfalto”, puntualiza Germán Romero.

Finalmente, o domingo 14 de xuño terá lugar a derradeira etapa entre Bertamiráns e a praza do Obradoiro, 14 km de dificultade media, xa que hai algunha pendente pero non moi pronunciada. Por iso, dende o Concello de Lousame fan un chamamento á participación veciñal para coñecer esta ruta xacobea que atravesa Lousame e nos comunica con Compostela.

Deja un comentario