San Sadurniño vai ser capital deportiva da comarca nas próximas semanas. E é que o domingo 31 de maio temos a clásica Ruta ciclista en familia, unha semana despois tocaralle á XI Carreira Popular e o día 14 de xuño Biela e Chaveta e máis o Concello volven colaborar no triplo evento “Entre corredoiras, toxos e xestas”, que xuntará nunha mesma xornada a 5ª BTT Concello de San Sadurniño, o 3º Trail de Montaña e tamén unha andaina. E a cousa non para aí, xa que o club e a área municipal de Deportes aínda nos teñen preparadas máis propostas para xullo, agosto e outubro.
A 5ª BTT Concello de San Sadurniño arrancará o domingo 14 de xuño ás 08:30h ofrecendo 250 prazas para maiores de 15 anos, que poderán elixir sobre a marcha,dependendo das súas forzas, entre tres rutas circulares con saída e chegada na Cortiña, unha de 66 quilómetros e 2.165 m de desnivel, outra de 60 km e 1.847 m de desnivel e unha curta de 28 km con 800 metros de desnivel, por pistas e camiños forestais de San Sadurniño, Moeche e As Somozas. O prezo da inscrición son 15€, a través da web www.fgalegaciclismo.es.
O 3º Trail de Montaña tamén dispón de 250 prazas para deportistas a partir dos 15 anos, que empezarán a correr ás 09:00h con tres posibles percorridos superpostos desde a Cortiña: un de 27 km e 761 m de desnivel, outro de 24 km e 638 m de desnivel e un máis curto e asequible de 12 km e 309 metros de desnivel. Neste caso o prezo son 14 euros e hai que apuntarse a través da web www.emesports.es.
A terceira proposta desta intensa xornada dominical de mediados de xuño será a andaina de baixa dificultade e para un máximo de 50 persoas (de 10 anos en diante) seguindo a paso tranquilo a ruta máis curta do trail. Hai que apuntarse tamén en www.emesports.es e o prezo son 5€.
O último día para anotarse nas tres disciplinas será o 8 de xuño e, ademais, tanto participantes como acompañantes poderán quedar xantar por 18€/persoa (a reserva debe facerse no proceso de inscrición en liña. Menores de 12 anos, gratis). Os dorsais entregaranse a partir das 8:15h no patio do CPI de San Sadurniño e cómpre ter presente que o propio día non se admitirán inscricións.
Pódese obter máis información na web recén estreada polo club ciclista, www.bielaechaveta.gal. Nela tamén se encontran todos os datos das citas previstas para máis adiante: o 19 de xullo a primeira Ruta dos Castelos para bicicletas de estrada, cun percorrido circular de 81 quilómetros, e a cuarta edición da Cronoescalada Sanrockeira –o venres 7 de agosto– que este ano tamén terá versión a pé. Como peche do calendario deste ano, o Concello e o club organizan a BTT Nocturna o venres 2 de outubro.
Inscricións na Ruta Ciclista en Familia e na XI Carreira Popular
Antes de todos estes eventos temos dous máis próximos no calendario. E é que o domingo 31 de maio, e tamén con organización de Biela e Chaveta, temos a Ruta Ciclista en Familia cun percorrido moi doado de 15 quilómetros de distancia total.
A actividade está aberta a maiores de 6 anos e ofrécense 140 prazas que se cubrirán por orde de solicitude. A inscrición é totalmente gratuíta e inclúe a cobertura dun seguro de accidentes, ademais dun agasallo especial para todas as nenas e nenos que participen no traxecto.
O prazo para apuntarse finaliza o 26 de maio ás 14:00 horas a través desta ligazón e cómpre ter en conta que non se admitirán novas altas o mesmo día da ruta. Será obrigatorio o uso do casco e que a rapazada de entre 6 e 12 anos vaia na compaña dunha persoa adulta.
O Concello tamén activou hai unhas semanas na web www.emesports.es o formulario de inscrición na XI Carreira Popular, que percorrerá os arredores do centro urbano na mañá do domingo 7 de xuño. O circuíto absoluto, de cinco quilómetros, volverá repetir o trazado das últimas edicións con saída e chegada na Cortiña despois de pasar pola Bidueda, Cornide, a estrada de Ortigueira e os xardíns municipais, mentres que os percorridos para as categorías máis novas estarán concentrados, con distintas distancias, nos sendeiros do arboreto de especies autóctonas. O prazo para apuntarse remata o día 1 de xuño ás 14:00h.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.