As obras están realizadas en soporte papel, de diferentes medidas e con diferentes técnicas, e foron realizadas entre os anos 1971 e 2025
Veiras: “quero que o Concello onde estou encantado de vivir teña unha sala que expoña unha obra de 54 anos. Que a xente a vexa e opine porque hai diferentes estilos, diferentes técnicas porque é un compendio de 54 anos de traballo e non fixen sempre a mesma cousa”
“Hoxe é un día histórico para o Concello de Lousame porque un dos artistas máis importantes dos que aquí residen e fillo adoptivo do municipio quixo deixar a súa obra de forma altruísta para desfrute dos nosos veciños e veciñas”. Son palabras do alcalde de Lousame, Esteban García Ares, xusto antes de asinar esta mañá o convenio de doazón ao Concello de Lousame de 60 obras gráficas orixinais e inéditas de Veiras Manteiga. Un acto no que estivo acompañado polo propio autor, residente na parroquia de Camboño, e pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, xunto aos xestores culturais municipais Eduardo Agraso e Teresa Baluja, quen deron testemuño e confirmaron a cesión das obras.
“É un orgullo recibir esta doazón dun artista de renome como é Veiras Manteiga, a quen lle damos as grazas pola súa xenerosidade e por estar sempre dispoñible para apoiar as actividades culturais que promovemos dende o Concello de Lousame”, apuntou García Ares, quen sinalou que agora dende o Concello “temos a obriga de rehabilitala, coidala e poñela en valor para darlle a difusión que merece para que todos os veciños e veciñas, tanto de Lousame como da comarca, poidan coñecela”.
54 anos de traballo
Pola súa banda, Veiras Manteiga agradeceu a colaboración do Concello de Lousame e salientou que “os concellos pequenos e rurais tamén teñen dereito a acceder á cultura e a todas as actividades relacionadas con ela. Quero que o Concello onde estou encantado de vivir teña unha sala que expoña unha obra de 54 anos. Que a xente a vexa e opine, porque hai diferentes estilos, diferentes técnicas porque é un compendio de 54 anos de traballo e non fixen sempre a mesma cousa”.
Neste sentido, compre lembrar que o pasado mes de decembro Esteban García Ares xa anunciara que o Concello de Lousame estaba comezando a traballar na posta en marcha dun museo que recolla as obras de José Luís Veiras Manteiga, así como as do outro fillo adoptivo de Lousame, o fotógrafo Alfonso Costa, para que tiveran o espazo que merecían e puideran ser desfrutadas por todos os veciños e veciñas. “Hai temas que non están nesta cesión, porque entón serían máis dun cento de obras e xa non sería unha sala, terían que facer un castelo”, bromeou Veiras Manteiga.
O alcalde lousamiá lembra que todo este proceso xurdiu o pasado 7 de agosto de 2025, data na que Veiras Manteiga foi nomeado fillo adoptivo do Concello de Lousame e expresou verbalmente a súa vontade de doar de maneira incondicional e gratuíta obras da súa autoría realizadas en papel ao Concello de Lousame, “sendo a súa intención chamar a atención sobre a vinculación histórica do Concello coas fábricas de papel e con Domingo Fontán”, recordou García Ares.
Obra doada
O conxunto de obras motivo da doazón de hoxe está composto por un total de 60, todas obra de Veiras Manteiga, cuxas datas de execución abranguen dende 1971 ata o ano 2025. Todas elas están realizadas en soporte papel e as súas medidas son moi variadas: dende o pequeno formato de 0,17×0,21 metros ata a máis grande de 1,20×0,80 metros. Como técnicas, o autor emprega dende o rotulador e o lapis, á tinta chinesa, a acuarela, o acrílico, a sanguina, as tintas e tamén técnicas mixtas.
Así mesmo, Veiras Manteiga fixo hoxe entrega aos xestores culturais do Concello de Lousame dun dossier no que aparecen as obras numeradas, documentación fotográfica de cada unha delas, así como unha información detallada sobre as mesmas (autor, título, ano de execución, técnica e medidas).



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.