O concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, presentou hoxe os resultados do proceso de participación para a definición do novo modelo urbano para o Ensanche. Durante un mes (entre o 16 de marzo e o 16 de abril) estivo activo un formulario ao que responderon 551 persoas, das cales 52,8% homes e 44,6% mulleres. As franxas de idade con maior participación foron as comprendidas entre os 25 e os 54 anos e o 86,6% das persoas que participou declarou que vive en Santiago. O resultado da enquisa e o resto das aportacións da veciñanza recollidas no proceso participativo serán incorporadas como anexo aos pregos da licitación do proxecto da rúa Santiago de Chile, que será a primeira intervención que se levará a cabo.
Iago Lestegás, concelleiro de Urbanismo e Vivenda, en rolda de presenta para presentar o resultado do proceso de participación para a definición do novo modelo do Ensanche
Na rolda de prensa, o concelleiro de Urbanismo e Vivenda destacou o alto número de respostas recibidas, un total de 551, o cal cualificou de “moi bo resultado para un proceso destas características”. E tamén valorou a calidade da información obtida, que considerou “uns resultados moi interesantes porque mostran a percepción que teñen as persoas do espazo público” e que agora o Concello terá en conta para os seguintes pasos a dar, xunto co resto de achegas derivadas do conxunto do procedemento de participación. Ao respecto, Iago Lestegás indicou que os pregos técnicos para a redacción do proxecto para Santiago de Chile están moi avanzados e agardou que en breve se poida lanzar a licitación.
A modo de conclusión dos resultados, Iago Lestegás manifestou que este proceso participativo “ratificou a filosofía da transformación”, é dicir, a idea de “incrementar os espazos de estancia, as zonas verdes e o número de árbores e aumentar o espazo alternativo ao automóbil” sen prexuízo de que se poderá seguir accedendo ao ámbito e de que tamén se habilitarán espazos para a parada de vehículos e para carga e descarga. Ademais, destacou que a veciñanza demostrou que non quere que este tipo de intervencións se queden na rúa Santiago de Chile ou na Praza de Vigo, senón que consideran positivo que se amplíe a outros ámbitos do Ensanche ou, máis en concreto, á avenida Rosalía de Castro.
Respostas do formulario
O formulario estivo activo durante un mes. As persoas participantes tiveron acceso aos antrepoxectos redactados para a transformación da rúa de Santiago de Chile e da praza de Vigo, incluídos nun apartado específico dentro do portal de transparencia do Concello de Santiago. Tamén poderán consultarse nese mesmo apartado os resultados da enquisa.
Entre os resultados, Iago Lestegás destacou que hai unha alta porcentaxe de persoas que considera que a rúa de Santiago de Chile e a praza de Vigo non son espazos seguros para ir a pé (63,7%) e considera que é necesario actuar nesta cuestión. Hai que ter en conta, ademais, no apartado referido á mobilidade, un 53,9% das respostas marcaron que se trasladaban a pé. En case todas as respostas, destaca a rúa Santiago de Chile por diante da praza de Vigo como o ámbito con maior urxencia de actuación e é por iso tamén o Concello elixiu iniciar o proxecto de rexeneración urbana neste espazo. Por exemplo, 335 persoas responderon que un dos obstáculos que dificulta a mobilidade peonil son as molestias derivadas dun exceso de tráfico en Santiago de Chile, fronte a 284 respostas para o caso da praza de Vigo. Ademais, os obstáculos que se observan como máis frecuentes que dificultan os desprazamentos a pé son a anchura das beirarrúas e os pavimentos de mala calidade.
En canto ás formas de mobilidade, a maioría das respostas apostan por potenciar a fórmula peonil, o transporte público e a bicicleta, por esta orde. Lestegás tamén cualificou como “revelador” o resultado da pregunta sobre os usos do espazo público, xa que as respostas apuntan a aposta por máis verde urbano e máis espazos de estancia.
A enquisa completouse con preguntas sobre a colocación dos colectores de recollida de refugallos (detectándose unha petición de aumentar os de recollida de aceite) e sobre puntos de iluminación ou percepción de ruído. Ademais, tamén permitiu a aportación libre de suxerencias.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.