• Trasladaron medidas para mellorar a colaboración municipal e facilitar a organización dos festexos
• Izaskun García destaca “o papel fundamental de todos os veciños que dedican tempo e esforzo para manter vivas as nosas tradicións e facer comunidade”
O PP de Culleredo trasladará ao pleno municipal as propostas e demandas recollidas na reunión mantida onte con representantes de comisións de festas de distintas parroquias do concello, co obxectivo de seguir traballando en medidas que faciliten o seu labor e reforcen a colaboración con estas entidades. Durante o encontro, os representantes das entidades compartiron as súas necesidades, ideas e posibles melloras para a organización das festas parroquiais, un labor que cada ano require moitas horas de preparación, coordinación e esforzo veciñal.
Desde o PP destacan que as comisións valoran o apoio que reciben en cuestións prácticas para poder centrarse na organización dos festexos, pero expuxeron novas medidas para mellorar esa colaboración e reducir custos. Tamén trasladaron a súa preocupación polos atrasos na chegada das subvencións.
A portavoz do PP de Culleredo, Izaskun García, puxo en valor o traballo das comisións e destacou “o papel fundamental de todos os veciños que dedican moito tempo, esforzo e ilusión a organizar as festas e buscar solucións para que Culleredo siga conservando as súas tradicións, a súa identidade e os seus espazos de encontro”.
Neste sentido, García sinalou que o obxectivo do PP é que as achegas recollidas na reunión non queden só nunha escoita puntual, senón que se traduzan en iniciativas concretas e útiles: “Queremos que as comisións teñan máis facilidades, menos cargas e máis ferramentas para seguir facendo ese traballo tan importante que realizan cada ano”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.