A cita, conducida por Carolina Iglesias, incluirá a proxección dunha peza audiovisual, un coloquio aberto e unha firma de discos que se poderán adquirir exclusivamente no evento
A Coruña acollerá o 17 de outubro o único concerto en Galicia da xira de ‘O Cuarto’, o seu novo traballo discográfico
Este xoves, 14 de maio, o Teatro Colón acollerá a presentación oficial de ‘O Cuarto’, o novo traballo discográfico de Tanxugueiras. Unha xornada de “escoita íntima” e encontro e diálogo nun coloquio moi especial onde Sabela, Olaia e Aida compartirán as historias que atravesan esta nova etapa artística.
O evento, que forma parte da programación da Festa das Letras, arrancará coa proxección da peza audiovisual que acompaña ao disco e que permitirá ás e aos asistentes penetrar no universo narrativo do proxecto antes de dar paso a unha conversa aberta entre Tanxugueiras e o público, quen poderá participar activamente formulando preguntas e compartindo impresións coas artistas.
A velada será conducida pola recoñecida comunicadora galega Carolina Iglesias, quen exercerá de mestra de cerimonias para acompañar a Sabela, Olaia e Aida nunha conversa distendida sobre o proceso creativo e a evolución sonora do grupo. Ademais, nunha aposta polo formato físico e a experiencia presencial, o evento no Teatro Colón será o único punto de venda oficial do álbum durante a súa primeira semana de lanzamento. A xornada concluirá cunha firma de discos.
Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro regresarán á Coruña o 17 de outubro para presentar, no Coliseum da Coruña, o seu álbum ‘O Cuarto’, co cal celebran os seus anos de traxectoria. O directo, que será a única oportunidade de ver o grupo en directo en Galicia ao longo de 2026, preséntase como un concerto único e exclusivo. As entradas están á venda en Tanxugueiras.com.
Catro xornadas da Festa das Letras
O Concello da Coruña organiza a segunda edición de A Festa das Letras, que arrinca coa escoita de Tanxugueiras e prolóngase ata o domingo 17 de maio, cunha programación que converterá distintos espazos da cidade nun gran escenario para a celebración da lingua e da creación cultural galega.
A programación destaca por contar con grandes referentes da música en galego como Ailá, MJ Pérez, 9Louro, Dakídarría ou Orquestra Bravú Xangai. Ademais, haberá tamén actuacións para o público infantil e actuacións musicais das asociacións coruñesas nos xardíns de Méndez Núñez. A segunda edición da Festa das Letras desenvolverase en espazos emblemáticos como o Campo da Leña, a praza de Azcárraga, os xardíns de Méndez Núñez, o Teatro Rosalía de Castro, o Teatro Colón e o Centro Ágora, conectando prazas, teatros e rúas a través dunha programación común que ten na lingua galega o seu eixo central.
O programa inclúe actuacións musicais de estilos diversos, propostas para público infantil e familiar, foliada tradicional, encontros con artistas e espectáculos escénicos, co obxectivo de achegar a celebración das Letras Galegas a todos os públicos e de poñer en valor a vitalidade da creación cultural en galego. A Festa das Letras consolídase así como unha cita destacada do calendario cultural da cidade, reforzando o compromiso do Concello coa promoción da lingua galega, co apoio ao tecido cultural e coa ocupación do espazo público como lugar de encontro arredor da cultura.
Ademais, o venres celebrarase unha nova edición de AgoraSón Primavera con concerto de Ialma. As invitacións para asistir á actuación só se poden conseguir nas Bibliotecas Municipais da Coruña ao retirar material, tanto de lectura como audiovisual, en lingua galega.
Horarios por xornada
Xoves 14 de maio
● 19.30 h – Teatro Colón – Encontro e diálogo con Tanxugueiras arredor do seu novo disco ‘O cuarto’.
Venres 15 de maio
Campo da Leña – Concertos
● 20.00 h – Néboa
● 21.30 h – Ailá
● 23.00 h – Brais Morán & Nasaufunk
Praza de Azcárraga – Público infantil
● 18.00 h – Charlatán Rodríguez
● 19.00 h – Uxía Lambona e a Banda Molona
Xardíns de Méndez Núñez – Tradicional
● 18.30 h – Xacarandaina
● 19.30 h – Son d’aquí
Centro Sociocultural Ágora (con invitación)
● 21.00 h – AgoraSón Primavera: Concerto de Ialma.
Sábado 16 de maio
Campo da Leña – Concertos
● 12.00 h – Kafédepota
● 13.30 h – MJ Pérez
● 19.30 h – Adhara & Ritman
● 21.30 h – Orquestra Bravú Xangai
● 23.00 h – 9Louro
● 1.00 h – Dakidarría
Praza de Azcárraga – Público infantil
● 12.00 h – K’paparota
● 13.00 h – Pakolas
● 18.00 h – Cris de Caldas
● 19.00 h – Pesdelán
Xardíns de Méndez Núñez – Tradicional
● 18.30 h – Cántigas da Terra
● 19.30 h – Donaire
Domingo 17 de maio
Xardíns de Méndez Núñez
● 18.30 h · A Foliada das Letras, com Cántigas da Terra, Donaire, Maghúa, Son d’aquí, Xacarandaina e Espadana Teatro Colón
● 12.15 h · Banda Municipal de Música da Coruña coa Escola de Artes Escénicas da Estrada
● 20.30 h – Teatro Rosalía de Castro – Isabel Dobarro.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.